As Forzas do Estado garantirán o cumprimento das medidas en Semana Santa

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu na mañá de hoxe unha nova reunión do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. No encontro, celebrado na Subdelegación do Goberno, participaron responsables da Garda Civil, da Policía Nacional, da Policía Autonómica, da Policía Local de Ourense e representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia.

Emilio González informou da intensificación durante os días da Semana Santa dos controis por parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para garantir, entre outras medidas, o peche perimetral da Comunidade Autónoma. A Garda Civil e a Policía Nacional traballan nas principais vías de acceso a Galicia, así como en infraestruturas de chegada de viaxeiros, como estacións de autobuses e tren, para comprobar que os motivos daqueles desprazamentos procedentes de fóra da Comunidade se axustan ás excepcións establecidas na normativa.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Así mesmo, as forzas de seguridade velarán polo cumprimento das medidas acordadas entre o Goberno de España e as Comunidades Autónomas no Consello Interterritorial de Saúde que suman, ao peche perimetral, a limitación da mobilidade en horario nocturno, as reunións dun máximo de catro persoas en espazos públicos pechados, de seis en espazos públicos abertos e exclusivamente de convivintes nos domicilios.

O subdelegado do Goberno sinalou que no CECOR se estableceu o reforzo dos operativos conxuntos entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e os diferentes corpos de Policía Local para garantir o cumprimento das medidas decretadas pola Xunta de Galicia para o sector da hostalaría e, ao mesmo tempo, apoiar a labor preventiva nestes establecementos.

Durante a reunión tamén se fixo balance das actuacións levadas a cabo polas forzas e corpos de seguridade durante os últimos seis días para vixiar o cumprimento das medidas sanitarias vixentes para conter o avance da COVID-19. En total, do 25 ao 30 de marzo a Garda Civil e a Policía Nacional realizaron 268 dispositivos de control e vixilancia sanitaria nos que participaron 892 axentes. Neles identificouse a 2.161 persoas, controláronse 1.595 vehículos e eleváronse 135  propostas de sanción. No ámbito da hostalaría realizáronse 100 inspeccións en establecementos.

González Afonso destacou que todas as forzas e corpos de seguridade traballan coordinadamente e están a facer un gran esforzo para velar polo cumprimento das medidas sanitarias, axudando así a protexer a saúde das ourensás e dos ourensáns.

Por último, o subdelegado do Goberno fixo un chamamento á cidadanía “para seguir respectando as medidas antiCOVID, posto que o virus segue estando aí e debemos continuar sendo responsables”.

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------