Os 86 traballos presentados ao Concurso Provincial contra a Violencia de Xénero da Deputación serán protagonistas dunha exposición audiovisual en 2024

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Os 86 traballos presentados á primeira edición do Concurso Provincial contra a Violencia de Xénero, organizado pola Deputación de Ourense, protagonizarán unha exposición audiovisual que verá a luz no 2024. Así o anunciou a vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa, durante a entrega dos premios ás obras gañadoras do concurso que tivo lugar hoxe no Salón de Plenos do Pazo Provincial. 

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A vicepresidenta do goberno provincial explicou que o obxectivo deste certame era “crear conciencia na mocidade” afirmando que resulta “imprescindible para facer ver como se manifesta a violencia de xénero no noso día a día, na nosa contorna, entre as persoas que coñecemos”. Desde as institucións “debemos traballar por unha sociedade mellor, máis xusta e igual. Un traballo para que o necesitamos da vosa colaboración”, salientou Marta Nóvoa, felicitando aos escolares que participaron no concurso porque o “voso compromiso danos esperanza e forzas para seguir loitando contra esta lacra”. 

Nesta primeira edición do concurso participaron máis de 150 alumnos e alumnas que presentaron os seus traballos de xeito individual ou colectivo nas tres modalidades fixadas, dentro das cales se establecían varias categorías por idade. No acto de entrega dos premios tamén participou a deputada de Igualdade, Teresa Barge; a deputada de Política Sociais, Patricia Torres; a actriz e premio 8M da Deputación, Mariana Carballal; e os membros do xurado.  

O certame, dirixido a centros educativos de Educación Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e FP de grao medio, foi convocado con motivo da celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero para fomentar valores de igualdade e crear conciencia da propia existencia de violencia de xénero e as súas múltiples manifestacións no contorno próximo. 

Xurado do concurso 

O xurado destacou “o alto número de traballos presentados” e o “alto grao de sensibilidade dos centros escolares e do seu alumnado para facer visible a loita contra unha lacra social como é a violencia de xénero en todas as súas manifestacións”. O xurado estivo presidido pola deputada de Igualdade, actuando como vogais o director da Área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira; e en representación de cada un dos grupos políticos Patricia Torres polo Partido Popular; Elvira Lama polo PSOE, Xosé Manuel Puga polo BNG e Rafael Martínez, por Democracia Ourensana, sendo secretaria do mesmo Montserrat Rodríguez, adxunta á dirección da Área de Benestar da Deputación. 

Premiados 

Os traballos premiados na I edición do Concurso Provincial contra a Violencia de Xénero da Deputación de Ourense foron os seguintes: 

  • Na modalidade de debuxo, fotografía ou viñeta para alumnado de Educación infantil, primaria e educación especial gañou Alejandra González López do Colexio Plurilingüe Padre Feijóo Zorelle pola obra “Todas xuntas decimos NON”. 
  • Na modalidade de debuxo, fotografía ou viñeta para alumnado da ESO, bacharelato e/ou FP de grao medio a gañadora foi Eva Sandín do Colexio Plurilingüe Padre Feijóo Zorelle pola obra “Rotas”. Mentres que, na modalidade de microrrelato, redacción escrita ou podcast na categoría de alumnado de Educación infantil, Primaria e Educación especial resultou gañadora Irea Cid Martínez do IES de Allariz coa obra “Fartas de calar”. 
  • Na modalidade de vídeos curtos para redes sociais empataron os traballos presentados polo CEIP Virxe de Covadonga co título “Nós non calamos” sendo autoría das alumnas e alumnos Razan El Karouachi Izan, José González Araujo, Jose Miguel Montoya Montoya, Megan Castro Cuello, Selena Fernández Da Silva, Thiago Gándara García e Dérek Rodríguez Ferreira; e o traballo presentado polo CEIP Saco e Arce co título “Nós non calamos” sendo autoría das alumnas e alumnos Carlota Pascual Atrio, Martín Vieito, José Luis Terrones, Artai Pousa, Manuela Álvarez, Breogán Prada, Mateo Fernández, Thaysa  Cofán, Inés Rodríguez, Ayrton Domínguez, Aaron Requejo, Ero Barreiros, Sofía Rivas, Minerva Casal, Martín Jardón, Xavier Vázquez, Alba Otero, Alma Álvarez, Lucas López, Duarte G, Martina Lorenzo, Candela Lorenzo, David Vázquez, Maren Casas e Oriol Fernández. 

Neste apartado, o xurado decidiu facer unha mención especial nesta modalidade “polo esforzo e compromiso demostrado” ao Colexio Luis Vives e para as alumnas e alumnos Óscar García Iglesias, Sergio Fernández Silva, Martín Pérez, Carmen Mato pola obra “Que florezcan”. 

O certame contou coa colaboración dos balnearios da provincia, que aportaron como premios accesos e/ou estancias de fin de semana en centros balnearios da provincia de Ourense para dúas persoas ou material escolar/libros no caso dos centros escolares.