Deputación e Xunta entregan maquinaria a 13 concellos da provincia para labores de prevención e loita contra os lumes forestais

O presidente provincial, Luis Menor, e o conselleiro de Medio Rural, José González, participaron hoxe na entrega de tractores e rozadoiras aos concellos de Baños de Molgas, O Bolo, Castro Caldelas, Entrimo, Gomesende, Manzaneda, Melón, A Merca, Nogueira de Ramuín, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Taboadela e Vilar de Barrio 

AVANTAR ACTIVIDADES

Luis Menor adiantou futuros acordos para aumentar ata case a metade o número de concellos da provincia que conten con este tipo de maquinaria para labores de prevención 

Con esta nova entrega, xa son 26 os concellos ourensáns beneficiados desde 2019 por esta liña de colaboración entre administracións 

San Cibrao das Viñas, 27 de novembro de 2023.- O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e o conselleiro de Medio Rural, José González, participaron hoxe no parque provincial de maquinaria -no polígono de San Cibrao das Viñas- na entrega de tractores e apeiros para a prevención de lumes forestais a trece concellos da provincia: Baños de Molgas, O Bolo, Castro Caldelas, Entrimo, Gomesende, Manzaneda, Melón, A Merca, Nogueira de Ramuín, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Taboadela e Vilar de Barrio. Esta liña de colaboración supuxo un investimento conxunto -Deputación e Medio Rural- de 1,3 millóns de euros.  

Ante alcaldesas, alcaldes e representantes dos concellos beneficiarios, Luis Menor subliñou que con esta nova entrega “chegamos xa a case a un terzo dos municipios da provincia”, mostrando a súa satisfacción polo resultado dunha iniciativa pioneira na que ata o momento só participa a Deputación de Ourense de entre todas as galegas. “Temos unha gran sensibilidade no que atinxe á prevención dos lumes”, salientou o presidente provincial, que afirmou que “estes tractores están a converter a nosa provincia nun territorio máis seguro”. 

Luis Menor agradeceu “a implicación da Xunta por subscribir estes convenios” e comprometeuse a seguir traballando para a sinatura de futuros acordos que permitan aumentar ata case a metade o número de concellos que conten con este tipo de maquinaria”. 

Pola súa parte, o conselleiro do Medio Rural agradeceulle ao presidente provincial a súa colaboración e fixo un chamamento público a todas as administracións implicadas na prevención e defensa fronte aos incendios forestais para que se sumen á colaboración institucional coa Xunta nesta materia, clave para a seguridade das persoas e dos bens.  

Os municipios beneficiados nesta nova entrega de tractores e de rozadoiras de arrastre e de brazo foron seleccionados en base a criterios técnicos que teñen que ver coa incidencia de lumes no seu territorio, fundamentalmente, e están adheridos ao Convenio de protección das aldeas, un acordo da Xunta coa Federación galega de municipios e provincias e a empresa pública Seaga.  

100.000 euros de achega acada concello 

Dos 1,3 millóns de euros investidos pola Deputación e a Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, 100.000 euros representan a achega para cada un dos concellos asinantes do convenio.  

Con esta nova entrega, son xa 26 os concellos ourensáns beneficiados desde o ano 2019 pola colaboración entre ambas administracións. Os primeiros tractores foron destinados a Arnoia, Muíños, Xunqueira de Espadanedo e Chandrexa de Queixa. No 2020 os beneficiarios foron Avión, A Teixeira, San Xoán de Río, Trasmiras, Viana do Bolo, Oímbra, Esgos, Lobeira e Boborás.