O Bng presenta unha Moción para reprobar a Jacome tras a sentenza ditada polo Xulgado do social

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Logo de ter coñecemento da sentenza ditada polo maxistrado do  Xulgado do Social número 1 de Ourense e relativa á denuncia por acoso laboral, interposta no seu día pola Intendente da Policía Local do Concello de Ourense. O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense presentará unha moción por vía de urxencia e amparada no artigo 65.3 do Regulamento Orgánico de Goberno e Organización do Pleno e a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións, e no que no relativo as mocións de urxencia, determina que, “…no suposto excepcional de que posteriormente ao prazo indicado se produzan acontecementos relevantes e imprevisibles, en cuxo caso poderanse presentar ao comezo da sesión plenaria”, presentan para debate e aprobación, se procede, unha MOCIÓN RELATIVA Á REPROBACIÓN DO ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE OURENSE LOGO DA SENTENZA DITADA POLO XULGADO DO SOCIAL NÚMERO 1 DE OURENSE E NA QUE SE CONDENA AO CONCELLO POR UN DELITO DE ACOSO LABORAL TRALA DENUNCIA INTERPOSTA POLA INTENDENTE DA POLICÍA LOCAL.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Xosé Luís Seara Fernández, Portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, ao abeiro do artigo 65.3 do Regulamento Orgánico de Goberno e Organización do Pleno e a Comisión  Especial  de  Suxestións  e  Reclamacións,  e  no  que  no  relativo  as  mocións  de urxencia, determina que, “no suposto excepcional de que posteriormente ao prazo indicado se produzcan acontecementos relevantes e imprevisibles, en cuxo caso poderanse presentar ao comezo da sesión plenaria”, presentan para debate e aprobación, se procede, a seguinte MOCIÓN RELATIVA Á REPROBACIÓN DO ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE OURENSE LOGO DA SENTENZA DITADA POLO XULGADO DO SOCIAL NÚMERO 1 DE OURENSE E NA QUE SE CONDENA AO CONCELLO POR UN DELITO DE ACOSO LABORAL TRALA DENUNCIA INTERPOSTA POLA INTENDENTE DA POLICÍA LOCAL.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O xoves 30 de novembro de 2023, coñecíase a sentenza ditada polo maxistrado do Xulgado do Social número 1 de Ourense e relativa á denuncia por acoso laboral, interposta no seu día pola Intendente da Policía Local do Concello de Ourense.

No fallo, a xustiza condena ao Concello de Ourense por infrinxir a normativa laboral en materia de prevención de riscos laborais, declarando  nulos os actos de acoso e condenando ao Concello e ao entón Concelleiro delegado de seguridade Telmo Ucha, a facer fronte a unha indemnización subsidiaria de 30.000 euros.

A sentenza certifica a existencia de actos constitutivos de acoso e precedidos por unha primeira etapa ou fase considerada de mero conflito laboral. Considérase igualmente acreditado  que  a  demandante,  foi  obxecto  dunha  conduta  de  acoso  por  parte  do demandado e que esta, foi apoiada reiteradamente polo Alcalde do Concello, pois tal e como se recolle no fallo, en vez de protexer á traballadora e a súa integridade tal e como debera agardarse, adicouse a denigrala e menosprezala a través de declaracións públicas.

Motivo do anterior é polo que o maxistrado considera que o Concello infrinxiu a normativa de prevención de riscos laborais, concretamente o artigo 14.1 da Lei de Prevención de Riscos Laborais, e no que se determina que “o deber de todo empregador é o de protexer ás e aos traballadores fronte aos riscos laborais”. Ao tempo, no fallo tamén se fai mención ao incumprimento do disposto no artigo 16.3 do mesmo texto legal, que establece que “cando se producira un dano para a saúde dos traballadores e traballadoras e aparezan indicios de que as medidas de prevención resultan insuficientes, o empresario levará a cabo unha investigación ao respecto, a fin de detectar as causas destes feitos”.

Resulta obvio, facendo un pequeno repaso á hemeroteca, que o Alcalde-Presidente do Concello, como máximo representante da institución, non soamente non se interesou na resolución do conflito ou na adopción de medidas correctoras senón que foi parte activa e alimentadora do mesmo con declaracións públicas e con actos que claramente sinalaban á

intendente da Policía Local, atentando contra a súa dignidade profesional e persoal até o punto de menosprezar o relato do feitos descritos na denuncia inicial.

As faltas de respecto, os insultos, as mentiras e as difamacións por parte do actual Rexedor cara as e os empregados públicos do Concello, as e os membros da oposición ou cara todo aquel que non concorda co seu pensamento ou proceder, son unha constante na vida municipal, socabando a dignidade da propia institución e deslexitimando a aqueles que a fan funcionar cada día.

Este tipo de manifestacións, contribúen ademais a crear un clima de aninadversión dentro da sociedade cara as e os empregados públicos a quenes ven, porque así o alenta o Alcalde, como un grupo de privilexiados aos que poder insultar e vilipendiar, o que provoca que parte da veciñanza se sinta lexitimada e amparada polo Alcalde para actuar do mesmo xeito no momento en que acoden a algunha dependencia municipal ou teñen que tratar con algún empregado ou empregada pública.

No Grupo municipal do BNG consideramos ademais que debe ser o Alcalde quen asuma co seu patrimonio persoal as indemnizacións establecidas no fallo pois se ben é certo que o condenado é o Concello de Ourense como institución, na sentenza, referéncianse e personifícanse as condutas delictivas na persoa do Alcalde polo que non é de recibo que teña que ser toda a veciñanza no seu conxunto a que asuma o custe dos comportamentos impropios de quen exerce e ostenta a máxima representación do Concello.

Resulta necesario igualmente que aquel que públicamente participou de condutas sentenciadas como constitutivas dun delito por acoso laboral, pida desculpas públicas á persoa afectada, máis tamén á veciñanza de Ourense no seu conxunto.

Por todo o anterior, o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense solicita do Pleno da

Corporación a adoción dos seguintes

ACORDOS

1.  Instar  ao  Alcalde-Presidente  do  Concello  de  Ourense  a  comparecer  públicamente  e amosar as súas desculpas á Intendente da Policía Local e á veciñanza de Ourense no seu conxunto, logo de ser condenado o Concello por un delito de acoso laboral.

2. Instar ao Alcalde-Presidente do Concello de Ourense a sufragar con cargo ao seu patrimonio persoal os gastos e as indemnizacións derivadas da sentenza xudicial na que se condena ao Concello de Ourense por un delito de acoso laboral á Intendente da Policía Local.

3. Instar á Corporación en Pleno a reprobar ao Alcalde-Presidente do Concello de Ourense pola sentenza que condena á institución por un delito de acoso laboral á Intendente da Policía Local e na que se referencia e personifica dito delito no Concelleiro delegado de seguridade de entón e no Alcalde-Presidente que o é na actualidade.

Ourense, 30 de novembro de 2023

Asdo: Xosé Luís Seara Fernández

SECRETARÍA XERAL DO PLENO