Manifesto do comité cidadán anti sida de Ourense no día mundial de loita contra a sida 2023

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

No Día mundial da SIDA de 2023, o Comité Cidadán Anti SIDA de Ourense volve reivindicar que a sida é xa unicamente unha enfermidade crónica máis. Seria, que é moi necesario previr, pero cronificable. Os avances nos tratamentos remataron coa súa consideración de mortal, e as persoas afectadas poden vivir moitos anos con normalidade, coidándose. Se nunha analise o VIH é indetectable eso significa que é intransmisible.

As que sofren especiais riscos fronte á infección polo VIH que a causa, ou complicacións particulares para vivir con sida desenvolvida, son persoas en situación de desavantaxe social. As obrigadas á marxinalidade ou precariedade económica pola falta de emprego. As traballadoras en precario que poden, por exemplo, resultar excluidas ao averiguar ilegalmente a empresa que teñen VIH ou sida. As persoas sen teito nin os mínimos vitais dignos. As adolescentes, ás que o sistema educativo segue sen preparar fronte ós riscos das drogas ou das infeccións de transmisión sexual. As persoas migrantes, especialmente as sen papeis, expostas a todo tipo de explotación. As que fan consumos conflitivos de drogas. As que están en prisión, as que padecen enfermidaes mentais, as traballadoras e traballadores do sexo ou as vítimas de violencia de xénero. As persoas con diversidade sexual abocadas nalgúns casos a vivi-la súa natureza clandestinamente e con riscos inxustos e innecesarios.

Reivindicamos recursos e servizos comunitarios de apoio abondo, económicos, sociais e sanitarios, sinaladamente os que afectan á saúde mental. Políticas de reducción de risco e dano no uso de drogas. Rematar coa criminalización das toxicomanías e coa falacia da chamada guerra contra as drogas, que causa máis mortos que os propios consumos de risco. Crear portas de saída e solucións axeitadas para rachar os círculos viciosos da exclusión e a marxinalidade. Ninguén elixe libremente vivir fóra da sociedade para prexudicarse. A maioría cae fóra dela pola súa historia familiar ou persoal. O camiño de volta é sempre moi difícil, e a inxusta sociedade de consumo e opulencia na que vivimos non é xenerosa coas que non lle seguen o xogo ou non lle dan levado o ritmo. Se non produces ou consumes és un ninguén.

            O Comité Cidadán Anti Sida de Ourense acumula máis de 30 anos de traballo e de éxitos a prol da prevención, o apoio ós afectados e a normalización social do VIH sida. Mantén aberta unha Casa de Acollida para persoas en situación de emerxencia social. Sostén, no seu local da rúa Coenga, no casco vello da cidade, o servizo Calor e café onde a diario ducias de persoas, que viven na precariedade económica ou social, achan un café quente, algo sólido que almorzar e, sobre todo, humanidade. 30 anos visitando e asistindo ás persoas presas. Facendo probas rápidas e gratuitas para detectar o VIH, ofrecendo apoio psicolóxico, orientación social, información sobre saúde, axuda para xestións, acceso ós recursos dixitais, intercambio de xiringas ou entregando preservativos, o Comité mantén a súa actividade. Tamén na reivindicación permanente fronte ás Administracións públicas e os axentes sociais de políticas e realidades que axuden a previr, frear o VIH ou vivir con el ou con sida. Loitando para que desapareza o estigma social que ainda pesa sobre as persoas afectadas. Denunciando inxustizas e defendendo ós máis expostos e febles.             Neste Día Mundial de loita contra a sida, o Comité Cidadán Anti Sida de Ourense compartirá a conmemoración con Apoyo Positivo, un recurso de innovación social, educación sexual, diversidade e Dereitos Humanos, que ven de abrir unha delegación en Ourense