Encontro dos equipos de Biocoidados no CDR El Villar. Compartindo aprendizaxes. Hospital de Órbigo (León)

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO


Os pasados días 23 e 24 de novembro, a Confederación de Centros de Desenvolvemento Rural (#COCEDER) organizou un encontro en Hospital de Órbigo (León) para compartir as aprendizaxes do proxecto piloto “Biocoidados, novos modelos de coidado prestados pola comunidade, centrados na persoa, nas contornas rurais”, dirixido a evitar a institucionalización e fomentar a desinstitucionalización.
Procedentes dos dezaoito Centros de Desenvolvemento Rural (CDR) de todo o país, acudimos ás xornadas unhas setenta persoas, entre elas, parte do equipo de Biocoidados do #CDR O Viso. A metodoloxía de traballo durante estes días consistiu na agrupación dun número reducido de persoas en distintas ubicacións proporcionadas polo #CDR El Villar (que nos acolleron no seu territorio) para incidir sobre distintas áreas temáticas: vivenda, ocupación laboral, educación, transporte, roles profesionais, activación comunitaria, servizos personalizados, transición, rede social e ocio e tempo libre. O obxectivo perseguido con estas dinámicas é a contribución ó deseño dun novo modelo de servizos sociais cun enfoque no que estea presente o medio rural.
Con Biocoidados traballouse en máis de 150 municipios a nivel estatal e conseguiuse a desinstitucionalización de catorce persoas de distintos colectivos. Unha das dificultades atopadas neste proceso foi atopar vivendas para a transición dende a institución a unha vida independente. Por iso, contamos coa participación no encontro da plataforma de “Hogar Sí”, que proporcionou a súa visión dende a participación noutro proxecto de desinstitucionalización.
Estas accións enmárcanse no proxecto #BIOCOIDADOS: NOVOS MODELOS DE ATENCIÓN PRESTADOS POLA COMUNIDADE, CENTRADOS NA PERSOA, EN CONTORNAS RURAIS; está vinculado ó Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e financiado pola Unión Europea- Next GenerationEU.

A xente maior mergúllase na cultura dixital. Practicando, con acompañamento, as posibilidades dos teléfonos intelixentes. Trasmiras

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso e o Concello de Trasmiras están desenvolvendo unha acción educativa coa xente maior para mellorar a actitude ante as novas tecnoloxías da comunicación e especialmente, adestrar a capacidade de “aprender a aprender” xa que a realidade dixital está en permanente cambio e evolución.
No último mes xa pasaron 14 persoas polos obradoiros que imparte o equipo educativo do CDR O Viso e en decembro serán outras tantas as que practiquen, con acompañamento, as posibilidades dos teléfonos intelixentes.
Ademais de manexarse mellor cos teléfonos, mestúranse outras actividades de posta en valor do patrimonio etnográfico a partir da edición de recursos audiovisuais ou a exploración de recursos de interese para a poboación local.
Esta actividade enmárcase no proxecto Aldeas Activas e Saudables que o CDR vén desenvolvendo co financiamento da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia na subvención destinada á realización de programas de intereses social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 do IRPF.