O Psdeg-Psoe de Lobios acusa a alcaldesa de mentir “descaradamente” sobre a reforma do campo de fútbol do Paraño

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O psdeg-psoe de lobios acusa a alcaldesa do pp de mentir “descaradamente” sobre a reforma do campo de fútbol do paraño tras salir a luz que non existe convenio entre a deputación e a xunta para a financiación das obras

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Os e as socialistas denuncian que o PP leva 12 anos enganando á veciñanza coa reforma do campo de fútbol e prometendo unha renovación que “non chega” e que amosa a falla “total” de iniciativa por parte da rexedora e o seu equipo de goberno

Patrick Rodríguez critica que a alcaldesa “sendo plenamente consciente do que acontecía, cruzou unha liña vermella, xogando coa ilusión da vila, da veciñanza e do equipo de fútbol”, motivo polo que lle esixe que “dea a cara, admita esta cacicada, pida perdón e se poña a traballar por materializar a ansiada reforma do campo do Paraño”

Lobios, 5 de decembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Lobios acusa á alcaldesa do Partido Popular, María de Carmen Yáñez, de mentir “descaradamente” en relación a renovación das instalacións deportivas do campo de fútbol do Paraño. Os e as socialistas denuncian que o PP leva 12 anos enganando á veciñanza coa reforma do campo de fútbol e prometendo unha renovación que “non chega” e que amosa a falla “total” de iniciativa por parte da rexedora e o seu equipo de goberno.

Dende o grupo municipal socialista critican os “incumprimentos” do Partido Popular e afirman que a suposta remodelación do estadio “terá que agardar”, despois de que non prosperase o convenio entre a Xunta e a Deputación para a reforma dos campos de fútbol, a pesar de aprobarse unha modificación de crédito en setembro de 2022. Neste senso, dende o PSOE de Lobios alertan de que dito convenio “nunca foi asinado, nin chegou a existir”, tal e como puideron comprobar a través das preguntas realizadas polo grupo provincial socialista ao actual presidente da Deputación, Luís Menor.

O concelleiro do PSdeG-PSOE en Lobios, Patrick Rodríguez, fai fincapé en que “as mentiras da señora Yáñez, en relación a reforma do campo de fútbol, quedaron desmontadas coa nova da ausencia do convenio entre Xunta e Deputación”. O secretario de organización dos socialistas de Lobios matiza que “as obras deberían estar licitadas antes de decembro deste ano, algo que obviamente non vai acontecer e deberemos agardar por unha nova modificación de crédito na Deputación para ver se acaba por materializarse unha reforma pola que Lobios leva 12 anos agardando”.

Rodríguez subliña que desta vez “pensábamos que a reforma se ía materializar, despois de que a alcaldesa vendese a bombo platillo o suposto convenio nos medios de comunicación e no programa electoral”. Sen embargo, tal e como explica o concelleiro socialista “as pescudas levadas a cabo polo grupo provincial socialista deron como resultado que o convenio nin existe, nin existiu e todo era fume e unha flagrante mentira”. O secretario de organización dos socialistas de Lobios critica que a alcaldesa “sendo plenamente consciente do que acontecía, cruzou unha liña vermella, xogando coa ilusión da vila, da veciñanza e do equipo de fútbol”, motivo polo que lle esixe que “dea a cara, admita esta cacicada, pida perdón e se poña a traballar por materializar a ansiada reforma do campo do Paraño”.

Os e as socialistas acusan á alcaldesa e ó anterior presidente da Deputación, José Manuel Baltar, de “xogar coas ilusións da veciñanza e dos integrantes do equipo de fútbol de Lobios, anunciando unha reforma para a que non había nin convenio”. Tamén se preguntan “que aconteceu cos cartos que se ían destinar a dita reforma?”, xa que tal e como manifestan “tememos que remataron investíndose noutras actuacións fóra do noso municipio”.

Dende o PSOE de Lobios esíxenlle ao goberno municipal do Partido Popular e a alcaldesa que “materialicen xa a renovación do estadio”, para dotalo de céspede artificial, novas gradas e o acondicionamento total do mesmo. Neste senso, os e as socialistas afirman que o actual estado do campo de fútbol “é pésimo, cunha grada con graves deficiencias, un terreo de xogo impracticable en varias zonas e cun estado de desleixo total”.

Os e as socialistas esíxenlle a rexedora “seriedade” e que “se poña as pilas” para traballar a prol da veciñanza e impulsar “dunha vez por todas” a ansiada reforma do campo de fútbol do Paraño. Un campo, que tal e como apuntan os socialistas, “se enche cada fin de semana de veciños e veciñas que se desprazan para ver o equipo do seu municipio e que lles permite desfrutar de grandes ratos de ocio”. Neste senso, tamén destacan que a UD Lobios “fai unha labor encomiable no eido social, familiar e económico, polo que precisa de máis apoio institucional por parte do concello e de que cesen as faltas de respecto e as promesas incumpridas por parte da alcaldesa”.