
O Comité de Seguimento do programa Interreg VI-B Sudoe vén de aprobar o proxecto ThermEcoWat, do que a institución provincial é unha das entidades beneficiarias. Ten como obxectivo desenvolver accións transversais entre científicos, institucións públicas e actores económicos para achegar ferramentas de gobernanza colaborativa que melloren a coordinación no uso das fontes termais, estimulando a posta en valor dos recursos endóxenos.
Xunto á Deputación son socios deste proxecto: por parte de Francia, Thermauvergne, asociación que reúne 11 centros termais da rexión de Auvernia, Lemosín e o sur de Borgoña quen actúa como coordinador e o BRGM Auvergne-Rhône-Alpes Site de Clermont Ferrand; de Portugal, Termalistur, Termas de S. Pedro do Sul e o Laboratório Nacional de Energia e Geologia, I.P. Laboratório de Geologia e Minas; e de España, o municipio barcelonés de Caldes de Montbui, o Institut Cartogràfic i Geològic de Catalunya e o GEOPLAT – Plataforma Española en Geotermia. Ademais, o Inorde é unha das catorce entidades asociadas ao proxecto.
Dun proxecto que ten un orzamento total de 2.028.076 euros á Deputación de Ourense, lle corresponden 189.999 euros dos cales 142.499 son investimento de fondos FEDER para promover unha xestión hídrica sostible neste sector estratéxico para a provincia.
Os obxectivos deste proxecto son poñer en valor e protexer o recurso hídrico termal a través da caracterización das fontes termais, mellorar a resiliencia das comunidades termais no que atinxe á xestión sostible dos recursos hídricos e mellorar tamén a gobernanza colaborativa dos ecosistemas socioeconómicos vencellados coa explotación de fontes termais, especialmente como catalizadoras de desenvolvemento rural e creación de emprego.