
A Deputación de Ourense e o Consello de Contas de Galicia organizan un obradoiro sobre a prevención e xestión de conflitos de interese na administración local de Galicia dirixido a cargos electos e empregados públicos da Deputación e dos concellos e mancomunidades da administración local de Ourense. A vicepresidenta primeira do goberno provincial, Marta Nóvoa e o conselleiro maior, Juan Carlos Aladro, foron os encargados de inaugurar esta xornada, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, xunto ao conselleiro da Área de Corporacións Locais, Simón Rego; a doutora en Dereito e Directiva Pública Profesional -formadora da xornada, Concepción Campos; e o xefe de Formación da Deputación, Carlos Castiñeiras.
Esta xornada formativa enmárcase no protocolo de colaboración que mantén a Deputación de Ourense co Consello de Contas co obxectivo de establecer mecanismos efectivos para a prevención e a loita contra a corrupción no sector público local de Galicia. Neste sentido, a vicepresidenta primeira asegurou que se manterá esta alianza de colaboración para “traballar xuntos a prol de iniciativas desta índole que fomenten instrumentos de prevención de riscos de corrupción”.
O programa deste obradoiro inclúe unha presentación do informe do Consello de Contas sobre a xestión dos Fondos Next Generation en entidades locais, a cargo de Simón Rego; e un relatorio sobre a regulación dos conflitos de interese desde a realidade operativa e funcional das entidades locais da man de Concepción Campos. Trala parte teórica, os asistentes dividíronse en grupos para desenvolver talleres prácticos sobre identificación, delimitación e comprensión da figura do conflito de intereses, a xestións dos riscos asociados, as claves para a súa detección e a resolución dos eventuais conflitos.