A formación de Espazo Común amosou a súa crítica ante o acontecido no pleno da pasada semana. Nesta sesión aprobáronse as ordenanzas fiscais, nas que destaca a suba do imposto da auga e do lixo. A través da seguinte nota, a formación acusa ao Partido Popular de colaborar para que esta suba sexa posible.
“O pasado xoves viviuse un novo capítulo do estrano idilio que manteñen PSOE e PP do Carballiño. Despois de subirlle os soldos aos membros do goberno e doutras decisións de complexa explicación, pouco se podía agardar que co seu voto no pleno das ordenanzas fiscais permitiran saír adiante a proposta do alcalde Fumega de subir a auga e o lixo.
No mandato anterior, toda a oposición combateu a rutina establecida polo goberno de aplicar sistemáticamente o incremento do IPC cada ano para encarecer os impostos aos veciños.
A lei 2/2015 é moi tallante a este respecto e veta literalmente a aplicación deste indicador ao mesmo tempo que obriga á elaboración de estudos económicos de cada servizo para a actualización dos seus prezos.
O daquela voceiro do PP, Ricardo Perea, incluso ameazou con acudir ao xulgado se insistía en aplicar un criterio claramente ilegal como recollen os informes técnicos que acompañan ao expediente. Naquel contexto, un PSOE con maioría absoluta recolleu velas e retirou a proposta.
Incriblemente, o Concello do Carballiño retrocede e o propio grupo do PP é agora quen posibilita o feito de que os veciños vaian a pagar máis o ano vindeiro por servizos tan básicos permitindo co seu voto que se rexeitaran as alegacións de Espazo Común e do BNG e que buscaban deter esta ilegalidade”.