A Xunta e o concello da Arnoia avalían un proxecto municipal para humanizar varios espazos da localidade

A Xunta de Galicia e o Concello da Arnoia están a traballar para avanzar na tramitación do proxecto de humanización e mellora de espazos públicos nos lugares de San Mauro, Sendín e Barcelo.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde deste municipio ourensán, Rodrigo Aparicio, mantiveron recentemente un encontro no que acordaron colaborar para poder levar a cabo estas actuacións que teñen como obxectivo mellorar o pavimento desas contornas co fin de incrementar a seguridade viaria tanto para o tráfico rodado como para os peóns.

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta iniciativa ten encaixe no chamado plan Hurbe, impulsado polo Goberno galego no ano 2010, a través do cal as administracións locais contan con apoios para financiar obras que inciden de forma positiva na calidade de vida da cidadanía sufragando a Administración galega o 70% do investimento e o concello o 30% restante.

Para a execución de obras coma esta, o plan Hurbe conta, en 2024, cun orzamento de máis 8 millóns de euros para apoiar aos concellos na realización de obras de humanización que contribúan á dotación de espazos máis sostibles. Desde a súa posta en marcha, este programa mobilizou máis de 165 millóns de euros para o financiamento de 416 iniciativas urbanísticas en decenas de municipios galegos.  

A maiores, durante o alcalde tamén lle trasladou á vicepresidenta segunda o interese do Concello por substituír un antigo poldrado por unha nova ponte sobre o río Arnoia para dotar á cidadanía dunha senda peonil. Este proxecto permitiría ofrecer tanto unha nova zona de esparexemento para a veciñanza como un punto de interesa para os visitantes da localidade.