Sumar Galicia rexístrase como coalición na Xunta Electoral de Galicia

“Canta máis forza teña Sumar Galicia, máis probable será o cambio político”

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2024. Movemento Sumar Galicia, Esquerda Unida e Verdes Equo veñen de presentar esta tarde na Xunta Electoral de Galicia o escrito que oficializa a coalición Sumar Galicia, de acordo cos artigos 44 e seguintes da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral.

AVANTAR ACTIVIDADES

A candidata á Presidencia da Xunta de Galicia da coalición será Marta Lois e as listas electorais, plurais e representativas de todo o espazo político, daranse a coñecer nos vindeiros días, tendo como límite as datas marcadas no DECRETO 150/2023, do 25 de decembro, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións. Sumar Galicia é un espazo amplo que acolle a persoas e organizacións, como as asinantes, que comparten os valores do progresismo, o recoñecemento nacional de Galicia nun Estado plurinacional e a promoción dos dereitos humanos nos eidos sociais, políticos, culturais e institucionais.

Segundo os representantes das forzas políticas asinantes, Sumar Galicia é un proxecto político e cidadán que se presenta ás eleccións galegas coa vontade de transformar a sociedade galega “e contribuír a poñer fin a 14 anos do goberno do Partido Popular, de Feijóo e dos herdeiros de Feijóo, con políticas lesivas para o conxunto da cidadanía galega”.
Igualmente, engaden, “é imprescindible concentrar todos os votos progresistas, de esquerda, feministas, ecoloxistas e todos os e as que queren un Estado plurinacional en Sumar Galicia. Canta máis forza teña Sumar Galicia, máis probable será o cambio político”.
Sumar Galicia preséntase ás eleccións autonómicas coa vontade de que Galicia poida dispoñer do goberno progresista que demanda a maioría cidadá e desenvolver as políticas útiles e transformadoras que nos permitan avanzar como sociedade e como país.