Cantámoslle os Reis do Quiquiriquí: Se non nos dan nada, marchamos de eiquí

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Esta mañá do venres 5 de xaneiro cantamos os últimos reis desta tempada. Fomos a Santa María de Couso da Limia, parroquia do concello de Sandiás, acompañadas dun gran número de veciñas e veciños que quixeron participar, ademais dalgúns nenos e nenas do CEIP de Sandiás. Paseamos o pobo, petando de porta en porta, co lema: “Cantámoslle os Reis do Quiquiriquí, se non nos dan nada marchamos de eiquí”. ¡Rematamos a xornada repletas de aguinaldos!
Ademais, ó longo destas dúas semanas festivas de Nadal, tamén cantamos os reis en Sarreaus, Lodoselo e Laroá.
O último día lectivo do ano, a xente do #CDR O Viso unímonos ó CEIP de Sarreaus. Xa son varios anos de colaboración para manter unha tradición tan senlleira do Nadal limiao. Saímos do colexio con cunchas, pandeiretas e demais instrumentos coa ilusión de atopar quen nos dese un aguinaldo. A primeira parada foi no Bar Caserío, onde nos agardaba a clientela habitual e tamén as persoas do noso Centro de Inclusión en Lodoselo; fomos ó concello e amenizamos as rúas de Sarreaus durante parte da mañá coas nosas pezas de sempre: Nadal de Laroá, o Patronciño, os Reis de Bustelo… pezas tradicionais da nosa zona e que estamos conseguindo manter no repertorio actual.
En Lodoselo, cantamos polo pobo, dende a Vivenda Comunitaria ata o Centro de Inclusión, onde nos agardaban, como cada ano, as persoas maiores e as compañeiras para animar a actuación. Neste caso acompañáronnos os cativos e cativas cos que esa mañá de Nadal estivemos gozando dunha xornada de Pobo Escola por Lodoselo.
En Laroá, as veciñas e veciños reuníronse no Centro Social do pobo, onde poidemos desfrutar dunha tarde de música, comunidade e unha boa chocolatada.
Cheos de aguinaldos despedímonos ata a próxima: “Déanolo aguinaldo a xentiña desta casa que para o ano que vén xa lles darémo-las grazas”
E que de hoxe nun ano!
Esta actividade está financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia na subvención destinada á realización de programas de interese social, con carga á asignación tributaria do 0,7% do IRPF e pola Deputación provincial de Ourense  a través da subvención para proxectos de prestación de servizos sociais.