“Non entendemos que dende o Concello non se organizara ningún acto en homenaxe á súa memoria no ano do centenario do seu nacemento, deixando recaer toda a responsabilidade de lembrala publicamente en entidades culturais ou outras administracións”, sinala a moción rexistrada polo PSdeG
“Hai unha lagoa imperdoable que en Ourense non nos podemos permitir, e moito menos pasado este 2023 no centenario do seu nacemento, e é que a recoñezamos a ela e ao seu legado como realmente merece”, sostén a portavoz do grupo, Natalia González
Ourense, 10 de xaneiro de 2024. O grupo municipal socialista instará ao goberno de Jácome, mediante unha moción na sesión plenaria ordinaria de xaneiro, a levar a cabo a proposta de rueiro feminino elaborado polo Consello Municipal de Igualdade en 2019 e no que figuraba Olga Gallego co maior número de respaldos, concedéndolle o seu nome a unha rúa ou praza de Ourense.
Defenden as e os socialistas que o seu currículo e relevancia son máis que suficientes para que, dunha vez por todas, se lle dea o protagonismo que merece logo da súa traxectoria profesional e de continuar a ser referencia, tanto a nivel nacional como máis alá das nosas fronteiras, polas súas obras públicadas. “Non entendemos como é posible que dende o Concello de Ourense non se organizara ningún acto en homenaxe á súa figura no ano do centenario do seu nacemento, deixando recaer toda a responsabilidade de lembrala publicamente en entidades culturais que coidan a súa memoria ou a outras administracións”, sinalan no texto rexistrado que se someterá a votación da corporación.
Tamén reclaman as e os edís do PSdeG que se inicie un expediente de honra para recoñecer o labor e legado dunha historiadora que fixo historia. “Dirixiu o Arquivo Histórico Provincial, foi a primeira muller en ingresar na Real Academia Galega (RAG) e correspondente provincial na Real Academia de Historia, ademais de recibir numerosos premios e distincións”, lembra a portavoz do grupo socialista, Natalia González Benéitez.
Encargouse con paciencia e rigorosidade de custodiar e catalogar os principais arquivos de Galicia e de establecer procedementos que se implantaron incluso en países de América, de tal xeito que se pode afirmar que foi unha sorte de gardiá da memoria, tal e como se explica na iniciativa presentada.
“Hai unha lagoa imperdoable que en Ourense non nos podemos permitir, e moito menos pasado este 2023 no centenario do seu nacemento, e é que a recoñezamos a ela e ao seu legado como realmente merece”, remata a edil e tamén secretaria xeral da formación en Ourense.