O Psdeg-Psoe de Viana insta ao concello a reparar as fochancas da estrada que une Viana con Fornelos de Cova

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Os e as socialistas critican a “inacción” do equipo de goberno a hora de realizar as reparacións necesarias e o tratamento que a estrada precisa para que os vehículos transiten coas garantías e seguridade

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Germán García-Ávila explica que ante o “desinterese” do equipo de goberno do Partido Popular, a veciñanza “propuxo que se lle facilitara o material necesario para ir tapando as fochancas eles mesmos, algo que finalmente fixeron, pero isto foi só unha solución temporal”

Viana do Bolo, 17 de xaneiro de 2024. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo insta ao goberno municipal do Partido Popular a activar fondos para reparar as numerosas fochancas e o deterioro que padece a estrada que comunica Viana co núcleo de poboación de Fornelos de Cova. Os e as socialistas critican a “inacción” do equipo de goberno a hora de realizar as reparacións necesarias e o tratamento que a estrada precisa para que os vehículos transiten coas garantías, a seguridade e a comodidade que precisan.

Dende o grupo municipal socialista de Viana do Bolo explican que a veciñanza “leva tempo queixándose de que o alcalde non lles presta a atención que corresponde aos constantes requirimentos que lle fan chegar sobre a estada e outras problemáticas que arrastra Fornelos de Cova”. Neste senso apuntan que os veciños e as veciñas “solicitaron repetidas veces que se actuara sobre esta estrada, co obxectivo de arranxar as numerosas fochancas que presentaba, pero non viron satisfeitas as súas demandas”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, explica que ante o “desinterese” do equipo de goberno do Partido Popular, a veciñanza “propuxo que se lle facilitara o material necesario para ir tapando as fochancas eles mesmos”. Finalmente foron os propios veciños e veciñas os que foron eliminando as fochancas de maior tamaño, pero tal e como apunta o edil socialista “isto foi só unha solución temporal e parcial do problema, xa que están aparecendo novas fochancas ao longo da estrada”.

García-Ávila Arias afirma que a situación “é preocupante”, xa que tal e como apunta “non pode ser que o concello se desentenda do arranxo dunha estrada de titularidade municipal e que teña que ser a veciñanza a que proceda o seu arranxo”. O voceiro socialista subliña ademais que “existe unha fochanca antes de chegar a primeira ponte a saída de Viana de gran tamaño e que supón un grave risco para o tránsito de vehículos, xa que para evitala deben achegarse a cuneta contraria, que está preto do encontro”. Por este motivo, os e as socialistas piden na súa moción que o concello “actúe xa para evitar que se agrave o risco co paso do tempo e impida finalmente o paso dos vehículos”.

Retirada dos plásticos usados polos gandeiros do campo da festa

Na mesma moción, o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo insta ao concello a que proceda de xeito “inmediato” a retirada dos plásticos que se acumulan dende hai máis dun ano no campo da festa de Fornelos da Cova. Tal e como apuntan os e as socialistas que estes plásticos “foron aló depositados tras ser usados polos gandeiros e seguindo as instrucións dun bando municipal publicado polo concello”.

“Tras un ano depositados neste lugar, o goberno local non deu en ningún momento a orde de proceder a súa retirada, co risco medio ambiental que supón ter os plásticos aló amontoados”, explica Germán García-Ávila, que lle pide ao goberno municipal “celeridade para proceder a súa retirada inmediata”.