Ourense, 26 de xaneiro de 2024.- A Corporación provincial de Ourense celebrou hoxe o seu pleno ordinario correspondente ao mes de xaneiro de 2024, no que se adoptaron os seguintes acordos:
Renuncias
O pleno deu conta das renuncias de Armando Ojea Bouzo (Democracia Ourensana) e Ignacio Gómez Pérez (PSOE) ao cargo de deputado provincial.
Entrada da Deputación no Padroado da Fundación Galicia Europa
O pleno acordou solicitar a entrada da Deputación de Ourense no Padroado da Fundación Galicia Europa, designando como representante ao seu presidente ou deputado/a provincial en quen delegue. Tamén aprobou manifestar a conformidade da institución provincial cos compromisos e obrigas recollidas nos estatutos desta Fundación, que lidera a Xunta de Galicia e que ten entre os seus obxectivos defender os intereses da comunidade galega ante a Unión Europea
Plan Estratéxico de Subvencións 2024-2027
Aprobouse inicialmente o Plan Estratéxico de Subvencións da Deputación e do Inorde para o período 2024-2027.
A vixente ordenanza xeral de subvencións da Deputación establece (título III; artigos 12-14) a obriga de elaborar e aprobar un plan estratéxico de subvencións, como instrumento de planificación das políticas públicas que teñan por obxecto o fomento de actividades de utilidade pública ou interese social, co contido mínimo e réxime de tramitación, aprobación, seguimento e avaliación alí recollido. Así, a aprobación dun plan estratéxico resulta imprescindible para posibilitar a concesión de subvencións nos vindeiros exercicios.
As liñas de subvención que contempla o Plan Estratéxico son as seguintes:
- Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal
- Fomento da Cultura
- Fomento do Deporte
- Reto demográfico
- Fomento do Benestar Social
- Fomento do desenvolvemento económico da provincia
- Fomento do asociacionismo veciñal
Delegación de competencias do Concello de Muíños
Aceptouse a delegación de competencias solicitada polo Concello de Muíños a favor da Deputación Provincial en materia de recadación executiva do canon ou prezo a satisfacer polos contratistas, así como calquera outro tipo de gasto ou consumo que lle corresponda asumir en virtude dos contratos formalizados co concello.
Cesión parcelas á asociación GDR Limia-Arnoia
O pleno aprobou a cesión ao GDR Limia-Arnoia do uso de sete parcelas que a Deputación de Ourense posúe na Lagoa de Antela, cunha superficie de 49,4 hectáreas, para a execución do proxecto Aterra (Fondo de Terras). A duración desta cesión será ata a finalización do proxecto e, en todo caso, aos 25 anos da formalización da aceptación da cesión de uso.
Cesión de espazos á Fundación Ramón González Ferreiro en Allariz
Aprobouse a cesión de uso, por 25 anos, dun conxunto de 26 parcelas da Deputación situadas na contorna da explotación da Granxa de Valverde, en Allariz, a favor da Fundación Ramón González Ferreiro, coa finalidade de poñer en marcha un centro de produción, transformación e innovación agrogandeira.
Ratificación do II Plan de Igualdade
Ratificouse a aprobación do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres da Deputación de Ourense. Este documento foi aprobado polo pleno o pasado 31 de marzo e contempla ata 35 accións distribuídas en dez áreas de traballo para o seu desenvolvemento no próximos tres anos, tendo en conta tres principios fundamentais: a perspectiva de xénero, a transversalidade e a atención á diversidade. A través deste Plan, a Deputación asume a igualdade como un principio esencial da súa organización, como eixo vertebral dunha institución comprometida que actúa desde a corresponsabilidade e aposta firmemente polo benestar do seu persoal.
Ordenanza para a recollida e tratamento de residuos industriais non perigosos e especiais
Aprobouse definitivamente a ordenanza reguladora do Servizo supramunicipal de recollida e tratamento de residuos industriais non perigosos e especiais. Trátase dun sistema de prevención medioambiental e de recollida de residuos nas zonas industriais de Ourense, especialmente no polígono de San Cibrao das Viñas, a zona comercial Barreiros, o parque empresarial de Pereiro de Aguiar e a zona industrial de Seixalbo. O servizo comprende a recepción no centro verde de residuos de orixe industrial de tipo non perigoso e especial -situado no Polígono de San Cibrao-, producidos dentro do ámbito territorial desta ordenanza, así como a recollida e recepción “porta a porta” nas industrias e empresas dos produtores destes residuos.
Ordenanza reguladora da prestación patrimonial polo servizo de recollida e recepción de residuos industriais non perigosos
Tamén aprobouse de modo definitivo a ordenanza reguladora da prestación patrimonial non tributaria polo servizo supramunicipal de recollida e recepción de residuos industriais non perigosos e especiais. O documento recolle os importes segundo o tipo de materiais a tratar e o custo por tonelada. Esta medida permitirá ofrecer este servizo a moitas empresas pequenas a un custe inferior ao que teñen que pagar a unha empresa xestora de residuos.
MOCIÓNS
Defensa da sanidade pública galega e especialmente en Ourense
1.- O pleno da Deputación reclama o Ministerio de Sanidade que faga efectivas as medidas incluídas no “Manifesto de conselleiros de sanidade”, en materia de atención primaria, apoiado pola maioría dos gobernos autónomos e pola maioría do Congreso dos Deputados, que inclúe reformas que permitirían incrementar en 1.000 as prazas formativas anuais de medicina de familia en toda España nos vindeiros anos para afrontar o relevo xeracional na atención primaria.
2.- Instar ao Ministerio de Sanidade a que flexibilice o sistema de acreditación dos centros de saúde para poder crear mais prazas de formación, tal como lle solicitaron sete gobernos autonómicos, xa que coa rixidez da regulación actual, esta impedindo o 70% dos centros de saúde galegos a formación de médicos de atención primaria.
3.- Instar a Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España o cumprimento do mandato parlamentario que lle aprema a adoptar estas medidas, trala aprobación dunha resolución no Congreso dos Deputados nese sentido.
4.- Instar o Goberno de España a modificar o sistema de elección de prazas M.I.R. para que as persoas aspirantes coñezan en tempo real as prazas dispoñibles.
Para una sanidade pública digna, suficiente e de calidade para a veciñanza da provincia
1.- O pleno da Deputación reclama o Ministerio de Sanidade que faga efectivas as medidas incluídas no “Manifesto de conselleiros de sanidade”, en materia de atención primaria, apoiado pola maioría dos gobernos autónomos e pola maioría do Congreso dos Deputados, que inclúe reformas que permitirían incrementar en 1.000 as prazas formativas anuais de medicina de familia en toda España nos vindeiros anos para afrontar o relevo xeracional na atención primaria.
2.- Instar a Xunta de Galicia a cobertura das prazas de pediatría vacantes, a través das convocatorias necesarias, tal como xa o ven facendo, para que segundo haxa pediatras dispoñibles no mercado laboral, poida contratalos.
3.- Instar ao Goberno de España a que asuma o compromiso pendente de creación dun rexistro estatal de profesionais sanitarios para prever os déficits de profesionais no futuro.
4.- O Pleno da Deputación acorda dar traslado destas medidas a Consellería de Sanidade, dependente da Xunta de Galicia e ao Ministerio de Sanidade, dependente do Goberno de España.
Para paliar os incumprimentos do goberno central coa provincia en materia de estradas
1. Instar ao Goberno central a reactivar as obras, que levan paralizadas 18 meses, do tramo da A-56 (Eirasvedras-Quintela) da variante norte de Ourense.
2. Instar ao Goberno central a finalizar a redacción do proxecto de construción da variante de Ourense. Tramo: enlace de Quintela coa N- 120 (P.K. 572,00)-enlace de A Casilla coa N-525 (P.K. 241,20), e a licitar as obras no ano 2024.
3. Instar ao Goberno central a rematar no ano 2024 a redacción dos proxectos de construción dos tramos da autovía A-56: Ourense (A Casilla)-Cambeo e Cambeo-Sanmartiño.
4. Instar ao Goberno central a licitar no primeiro semestre do 2024 as obras de construción do tramo da autovía A -76 (Ourense-Ponferrada) entre Villamartin da Abadía e Requejo, e a rematar neste mesmo ano a redacción do proxecto do tramo entre A Veiga de Cascallá e o Barco de Valdeorras.
5. Instar ao Goberno central a recuperar o enorme retraso de máis de 15 meses na execución das obras de conexión entre as estradas N-120 e N-536. Tramo: Sobradelo-O Barco de Valdeorras.
6. Instar ao Goberno a licitar no primeiro semestre de 2024 as obras de “Mellora de seguridade viaria na N-120, implantación de carrís entre os PP.KK 548+800 e 546+000, dende Os Peares/alto da Guítara ata Ourense.
7. Instar ao Goberno a poñer en marcha de modo inmediato un plan integral de conservación e mantemento da N-120 na provincia de Ourense, coa habilitación de partidas orzamentarias plurianuais para así solucionar a problemática nos firmes, así como un programa de xestión preventiva de elementos como muros, pendentes e obras de paso.
8. Instar ao Goberno a licitar no ano 2024 as obras do proxecto de construción do enlace completo da N-120 en A Rúa entre os PP:KK 465+750 e 466+360, que leva 9 anos pendente.
9. Instar ao Goberno a licitar en 2024 as obras de mellora da seguridade viaria na intersección de Ribela, construción dun enlace e reordenación de accesos na estrada N-525 (PPKK 244+368), no municipio de Coles.
10. Instar ao Goberno a incrementar as partidas orzamentarias destinadas á conservación integral da autovía das Rías Baixas, A-52, para eliminar as notables deficiencias que presenta o firme en moitos dos seus quilómetros.
11. Instar ao Goberno de España a intervir coa maior urxencia na mellora integral da N-541, e ordenar un estudo sobre a viabilidade dunha autovía entre Pontevedra e O Carballiño, e dunha vía de alta capacidade entre ambas localidades para conectar con garantías ambas provincias.
Engádense os seguintes puntos:
1. Instar á Xunta de Galicia e manter en condicións a ponte da OU-536, en Xunqueira de Espadañedo, recentemente asfaltado e reparado de forma ineficaz pois quedou peor do que estaba anteriormente, sendo un perigo para a circulación rodada.
2. Instar á Xunta de Galicia a rematar a obra da rúa Marcelo Macías en Ourense (a altura do Nº 51) e retirar as chapas e conos que levan meses no medio da calzada, interrumpindo o tráfico rodado e molestado aos veciños co seu ruído nocturno.
3. Instar á Xunta de Galicia a reparar a avenida de Zamora de Ourense, e moi en especial a zona do cruce coa avenida da Universidade e accesos ao barrio da Cuña, co piso destrozado dende hai anos, feitos polos que os veciños levan anos queixándose.
4. Instar a Xunta de Galicia a reparar a Rúa do Progreso en Ourense, e en especial na zona da Alameda e Praza de Abastos co piso destrozado dende hai anos.
5. Instar a Xunta de Galicia a tomar medidas na rúa Emilia Pardo Bazán, antes da rotonda coa avenida de Bos Aires, para que os vehículos freen antes de chegar á mesma, creándose moitas veces situacións de alto risco e perigo.
6. Instar a Xunta de Galicia a reparar a OU-105 na zona de Seixalbo, unha estrada de recente modificación que está chea de baches sendo un risco para a circulación.
7. Instar a Xunta de Galicia a reparar a OU-536 na súa entrada a Ourense, entre Castadón e As Lagoas en sentido a Ourense, onde o carril dereito está nunha situación moi complicada sobre todo para motoristas e ciclistas.
8. Instar a Xunta de Galicia a reparar a rúa do Seminario en Ourense, que leva moitos anos co pavimento en moi mal estado e perigoso.