O PP esixe ao Goberno socialista a rectificación da inxustificada pretensión de eliminar as variantes ferroviarias da liña Ourense-Lugo

En Monforte de Lemos, onde se deron cita os deputados no Congreso por ambas as dúas provincias

  • Os representantes populares confirmaron que solicitaron a comparecencia no Congreso do ministro de Transportes, José Luis Ábalos, e da presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, para que expliquen as verdadeiras intencións do Goberno con respecto a estas dúas variantes, “sobre as que só obtivemos respostas evasivas e sen concreción, provocando unha dúbida moi razoable sobre a intención do Executivo de abandoar ou aprazar sen data definida a súa execución”, criticou o deputado Celso Delgado.
  • O ministro de Transportes e a presidenta de Adif “desprezan unha redución da viaxe entre Ourense e Lugo de 23 minutos, que rebaixaría o percorrido total a unha hora e permitiría que os lucenses viaxaran a Madrid en 3 horas y 20 minutos”.

Os deputados lembran que durante a etapa de Goberno do PP impulsouse a modernización desta conexión con decisións concretas, e que Pardo de Vera faltou a verdade cando afirmaba que á súa chegada ao Adif non había nada respecto desta liña ferroviaria, “un disparate en tanto que ocupou postos de responsabilidade, entre eles a Dirección Xeral de Explotación e Construción

AVANTAR ACTIVIDADES

Os deputados do Partido Popular polas provincias de Ourense e Lugo -Celso Delgado, Ana Vázquez, Jaime de Olano e Joaquín García- anunciaron hoxe que esixirán a rectificación do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA), así como de Adif, sobre a “inxustificada pretensión” de eliminar as variantes dos Peares-Canabal e Rubián (entre Bóveda e Sarria) previstas e comprometidas no plan de modernización e mellora da liña ferroviaria Ourense-Lugo. Dúas variantes que reducirían ata en 23 minutos o percorrrido dos 117 quilómetros que separan por tren ambas as dúas capitais, “e cuxa construción permitiría aos lucenses aproveitar a conexión do AVE en Ourense e viaxar a Madrid en pouco máis de tres horas e cuarto”, afirmou o deputado ourensán Celso Delgado.

Os representantes populares fixeron este anuncio na estación de Monforte de Lemos, onde na compaña de senadores lucenses e da presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, tamén confirmaron que rexistraron a solicitude de comparecencia no Congreso do ministro de Transportes, José Luis Ábalos, e da presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, para que rectifiquen as intencións de non executar esas dúas variantes.

Unha cuestión que xa motivara o pasado mes de febreiro unha iniciativa parlamentaria “na que só obtivemos respostas evasivas e sen concreción sobre o momento administrativo destes proxectos e as datas que se manexan para a súa licitación, o que provocou unha dúbida moi razoable sobre a intención do Executivo central de abandoar ou aprazar sen data definida a súa execución”, criticou Delgado.

A cita dos deputados populares en Monforte de Lemos tiña ademais un particular significado, pois nesta vila compareceu o pasado 12 de marzo a presidenta de Adif para facer balance das actuacións en marcha e previstas para a modernización do corredor ferroviario Ourense-Monforte-Lugo, “sen que fixera referencia algunha a estas variantes tanto na súa intervención oral como na nota de prensa que con posterioridade distribuíu Adif”.

“Desprezo” á redución da viaxe

O ministro de Transportes e a presidenta de Adif “desprezan unha redución da viaxe entre Ourense e Lugo de 23 minutos, que rebaixaría o percorrido total a unha hora e deixaría Madrid a 3 horas y 20 minutos”. Unha situación moi distinta da actual, na que os trens máis rápidos invisten 94 minutos na viaxe entre Ourense e Lugo, cunha velocidade media de 74 quilómetros por hora que se elevaría ata os 85 coas melloras e maila electrificación da vía entre Monforte e Lugo. Non obstante, o percorrido seguiría durando unha hora e 23 minutos.

Celso Delgado engadiu un dato máis, subliñando que Pardo de Vera “faltou a verdade”, cando nunha entrevista publicada na prensa o 14 de marzo afirmaba que “cando cheguei non había nada sobre Lugo-Ourense, nin sabíamos canto medían os túneles”.

O deputado popular cualificou esta declaración como un disparate en tanto que “a señora Pardo de Vera chegou ao Adif no ano 2007, ocupando desde entón diversos postos de responsabilidade, entre eles a Dirección Xeral de Explotación e Construción, polo que resulta moi difícil crer que non soubese que no ano 2000 o Ministerio de Fomento xa licitara un estudo informativo para unha liña de alta velocidade entre Ourense e Lugo, e que no 2009 se publicara a Declaración de Impacto Ambiental deste proxecto.

“A modernización desta liña impulsouse co goberno do PP”

O que si omitiu, explicaron os deputados, “foi dicir que a primeira presentación destas melloras na conexión ferroviaria tivo lugar na cidade de Lugo en maio de 2018, sendo entón ministro de Fomento Íñigo de la Serna, no executivo de Mariano Rajoy, e que contaban cun orzamento de máis de 1.000 millóns de euros, agora reducido a 550 millóns”.

Os parlamentarios defenderon que “durante a etapa de goberno do Partido Popular impulsouse a modernización desta liña, con decisións efectivas e concretas”. Así, os dous únicos contratos adxudicados ata esta data, a reparación de 23 pontes e  desmontes, “puxéronse en marcha precisamente grazas á asistencia técnica ordeada e planificada polo goberno de Rajoy e o ministro Íñigo de la Serna”.

Aínda máis, dixo, “o proxecto de reparación desas 23 pontes está rematado desde outubro de 2018, pero a adxudicación non se produciu ata setembro de 2019, case un ano máis tarde sen xustificación algunha, e transcorrido o prazo de execución que se estimaba en 18 meses aínda non finalizaron, polo que deberán dar explicacións”.

Polo tanto “demóstrase unha vez máis que a responsabilidade nos retrasos das obras no corredor ferroviario Ourense-Monforte de Lemos-Lugo se deben únicamente á incapacidade do actual Goberno para manter a planificación e impulso iniciados durante o anterior executivo popular”.

Tamén criticaron as declaracións da presidenta de Adif ao afirmar que nin siquera existe unha diagonse da rede, “cando existen documentos relevantes como a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto dunha nova liña de alta velocidade entre Ourense e Lugo e un Plan Director para a mellora e adecuación desta conexión, ou cando di que se descoñecen aspectos tan básicos como as medidas dos túneles, o cal produce incredulidade dada a súa condición profesional como enxeñeira, e o feito de que como directora xeral de Explotación e Construcción de Adif tiña a obriga de coñecer a situación deste corredor”.

De todo o anterior, incidiu Celso Delgado, “pódese concluír que a señora Pardo de Vera “falta a verdade ao declarar que non había nada nesta liña, quedando nunha posición de grave irresponsabilidade, enmarcándose as súas afirmacións na única procura de réditos políticos diante do ministro do que depende orgánicamente, o señor Ábalos”.

INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA.

  • Sobre a traxectoria da presidenta de ADIF e as súas afirmacións de que “cando cheguei a Adif non había nada respecto a Lugo-Ourense, nin un diagnóstico da rede, non sabiamos nin canto median os túneles”
  • Pardo de Vera, ingresou en Adif no ano 2007. Ata 2015 desempeñou postos sucesivos de Dirección de Obra e Xefe de Infraestrutura e Xerente de Área na construción da Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia.
  • En xuño de 2016 reincorporouse ao ente ferroviario compatibilizando o cargo de directora xeral de Explotación e Construción de Adif co de directora xeral de Adif Alta Velocidade, cargos que desempeñou ata que en xuño de 2018 foi nomeada presidenta de Adif.
  • Antes de que ela entrase en Adif, o Ministerio de Fomento licitou o 15/12/2000 un estudo informativo dunha liña de Aata velocidade “Ourense–Monforte-Lugo” O 19/05/2001 foi adxudicado a INECO, saíu o 30/01/2003 a Información pública. E o 26/01/2009 -estando a Sra. Pardo de Vera en Adif- saíu publicada no BOE a resolución do 22 de decembro de 2008, da Secretaría de Estado de Cambio Climático emitindo a DIA do proxecto «Nova liña de alta velocidade Ourense-Monforte-Lugo»

https://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-2009-1300

  • O trazado Ourense-Monforte-Lugo sobre o que se formulou a Declaración de Impacto Ambiental, solicitada en outubro do ano 2003, tiña unha lonxitude aproximada de 104 quilómetros, todo en vía única. Despois desa actuación o Ministerio de Fomento decidiu redactar un novo estudo informativo que encargou a  INECO o 5 de xaneiro de 2010, modificando o trazado para adecuar esta liña á alta velocidade ferroviaria, con dobre vía electrificada en todo o seu percorrido e apta para permitir tráfico mixto de viaxeiros e mercadorías. E unha vez elaborado someteuse a información pública, o estudo informativo do tramo Ourense–Monforte de Lemos da Liña de Alta Velocidade en Galicia, segundo publicou o BOE do 15 de novembro de 2011.

https://www.mitma.gob.es/recursos_mfom/11111501.pdf

  • Nesas datas Pardo de Vera estaba en ADIF e por tanto era coñecedora de todo o que acabamos de expoñer.
  • Sendo Isabel Pardo de Vera Directora Xeral de Explotación e Construción de  Adif xa se adoptaron, entre outras estas actuacións:

19/09/2017.  Adif adxudicou, por importe de 1.959.146 euros (IVE incluído), a asistencia técnica para a realización dos estudos e proxectos construtivos necesarios para a electrificación do tramo Monforte de Lemos-Lugo da liña convencional Ourense-Lugo.

http://prensa.adif.es/ade/u08/GAP/Prensa.nsf/Vo000A/76C01B64D174B40FC12581A100274695?Opendocument

02/01/2018. Adif licitou por importe de 2.845.530,1 euros (IVA incluído) a redación dos proxectos de supresión de 36 pasos a nivel na liña de ancho convencional Ourense-Monforte-Lugo.

http://prensa.adif.es/ade/u08/GAP/Prensa.nsf/Vo000A/CFE950A45F3BE6FCC1258209004F6D11?Opendocument

24/05/2018. Foi firmada por Adif a “Asistencia Técnica para a redacción dos proxectos de tratamento de elementos da infraestrutura (Pontes, Túneles e Explanacións), no traxecto non afectado pola variante de Pobra de San Xiao entre Orense-Monforte-Lugo”, encargo Nº: 3.18/27507.0013, encargo contra el acuerdo de colaboración Adif-Ineco Nº: 4.16/03110.0020.

  • Tras a moción de censura ao goberno popular en xuño 2018, o goberno socialista nomeou presidenta de Adif a Pardo de Vera.

Iniciativas desenvolvidas polos deputados do PP no Congreso sobre a liña Ourense-Lugo na XIV Lexislatura.

  • 30 de maio de 2019. Pregunta ao Goberno sobre que previsión tiña ADIF para concluír a redacción do proxecto de renovación total do tramo ferroviario Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, incluíndo a parte das variantes inicialmente previstas dos Peares-Canabal e Rubián. 

O 11 de xullo de 2019 o Goberno responde: “En relación co asunto interesado, sinálase que os proxectos de adecuación e mellora da vía correspondente ao tramo Ourense-Monforte de Lemos-Lugo atópanse actualmente en redacción, cunha previsión de aprobación destes no verán de 2019. As posibles variantes atópanse en fase de estudo informativo”.

  • 12 de decembro de 2019. Pregunta ao ADIF para saber se xa estaba concluída a redacción do estudo informativo das variantes.

O 6 de febreiro de 2020 o Goberno responde: “Como resposta á pregunta formulada polas súas señorías, infórmase que o actual Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana conta cos seguintes estudos informativos redactados:

  • Variante ferroviaria Os Peares-Canabal (tramo Ourense-Monforte de Lemos da liña Monforte de Lemos-Vigo). Trátase dunha variante en vía única de 12 Qm aproximadamente, que permite un aforro de tempo máximo de 11 minutos e require un investimento na contorna de 530 millóns de euros.
    • Variante ferroviaria de Rubián (tramo Monforte de Lemos-Lugo da liña León-A Coruña). Trátase dunha variante en vía única de 19 Qm aproximadamente, que permite un aforro de tempo máximo de 12 minutos e require un investimento na contorna dos 440 millóns de euros”.
  • 11 de decembro de 2020. Formúlanse catro preguntas sobre estas variantes, interesándonos polo momento administrativo no que se atopan e sobre as datas que manexa Adif para a súa licitación.

O 10 de febreiro de 2021, o Goberno responde de forma conxunta ás catro preguntas dicindo: “En relación co asunto interesado, sinálase que a incorporación dunha nova liña ou tramo na Rede Ferroviaria de Interese Xeral require da aprobación dun Estudo Informativo”.