O Psdeg-Psoe solicita que o concello de Ourense pendure a bandeira arcoíris co gallo do orgullo 2021 e censura o “desprezo” do goberno local cara ao colectivo lgtbiqa+

rhdr

Os socialistas veñen de presentar unha batería de propostas para a conmemoración do Día do Orgullo na cidade, entre as que reclaman accións de visibilización, actos institucionais e eventos seguros

Denuncian que a desaparición das políticas de igualdade comezou hai seis anos co goberno do PP e foi consumada por Jácome e os seus socios de Democracia Ourensana

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de rexistrar unha batería de propostas para a conmemoración do Orgullo 2021, entre as que solicitan que o goberno local pendure a bandeira arcoíris no balcón da casa consistorial durante as vindeiras semanas en sinal de apoio e visibilidade cara ao colectivo LGTBIQA+. Os socialistas denuncian que a ausencia de programación para a celebración do Día do Orgullo na cidade –unha vez máis, a única excepción entre as grandes cidades galegas– amosa o “desprezo” do alcalde cara á poboación sensibilizada e a súa incapacidade para darlle a esta efeméride o respaldo institucional que corresponde.

Dende o grupo municipal socialista instan ao goberno local a levar a cabo unha programación de actos seguros e en cumprimento das medidas anticovid, como poden ser exposicións fotográficas e proxeccións de filmes vencellados ao Día Internacional do Orgullo LGTBI. Outras iniciativas de visibilización polas que apostan os socialistas son a organización de actuacións musicais no casco histórico durante a semana do 28 de xuño ou a iluminación da Ponte Romana coas cores da bandeira arcoíris. Ademais, solicitan que o goberno retome a posta en valor da praza de San Marcial como símbolo de referencia do movemento LGTBI e leve a cabo a colocación dunha placa que identifique este lugar como espazo LGTBI-friendly.

Así as cousas, os socialistas lamentan que “mentres en Ourense segue sen convocarse o Consello Municipal de Igualdade, o resto de cidades galegas xa contan cunha axenda completa de actividades e unha planificación axeitada para o Orgullo 2021”, ao tempo que denuncian o “espaldarazo constante” que está a amosar o goberno municipal coas políticas de igualdade e os colectivos sensibilizados.

“A desaparición das políticas igualitarias da cidade comezou hai máis de seis anos, co goberno do Partido Popular, e foi consumada por Jácome e os seus socios de Democracia Ourensana”, lamentan dende o grupo municipal socialista, ao tempo que poñen de relevo a necesidade de “colocar a igualdade onde sempre debeu estar: no máis alto da axenda política ourensá”.