O director conversará con estudantes de Bacharelato de cinco IES en catro vilas, que están a piques de acceder á Universidade, para ensinarlles a metodoloxía da UNED e as vantaxes que só ela ofrece a todos os cidadáns da cidade, vilas e pobos do territorio ourensán.
OURENSE 26 de xaneiro de 2024. O director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, achegará a realidade desta Universidade pública a todos os estudantes de Bacharelato do oriente ourensán. Comeza así en xaneiro o percorrido habitual polos IES da provincia. Esta vez o inicio faise nas comarcas de Valdeorras, Trives e Viana. Así, o vindeiro luns, 29 de xaneiro, á primeira hora da mañá, García falará da UNED aos estudantes do IES Germán Ancochea da Pobra de Trives. O martes, día 30, o director de UNED Ourense falará aos estudantes do IES Cosme López, na Rúa. E o mércores, 31 de xaneiro, fará a mesma actividade cos alumnos de Bacharelato no Barco de Valdeorras, concretamente no IES Loureiro Olmo e no IES Martaguisela. Ao IES Carlos Casares de Viana do Bolo acudirá o día 16 de febreiro.
Estas charlas achegan a realidade universitaria a través da UNED a quen está a piques de ingresar en estudos superiores. Son sesións nas que o relator azuza aos mozos coa realidade que se aproxima ás súas vidas tan pronto como superen a EBAU. Tamén se anima aos que optarán por cursar FP, dado que actualmente é outra vía de entrada na Universidade. Nestes encontros promóvese a participación de todos os asistentes para que pregunten canto lles sorprenda da UNED, que é a segunda universidade máis antiga en Galicia, despois da de Santiago, xa que hai 51 anos que comezaba a prestar servizo a Galicia a través de naquel entón o seu único centro nesta comunidade, o de Pontevedra. Desde entón Galicia ten catro centros asociados á UNED que levan a cabo unha importante actividade académica, cultural e social nos seus territorios.
“O que pretendemos con estas visitas aos mozos que se preparan para acceder á universidade é conciencialos de que teñen que traballar no seu, que é estudar. Convén dicirlles como se estuda na universidade e concretamente na UNED, onde o nivel de esixencia é notable, o que redunda na formación que obteñen quen se esforza e culminan os seus graos. Notamos que, en xeral, estes mozos móstranse, con pouca iniciativa e hai que avivalos, pois van ter que deixar a súa actual zona de confort para loitar por si mesmos nunha institución na que triunfarán soamente na medida en que se esforcen”, dixo García Díaz. “Aquí non temos nota de corte nin números clausus. Basta con aprobar a EBAU xa podes matricularche en calquera dos nosos 30 graos. Hai que alimentar a forza de vontade, a auto organización e a constancia no estudo; hai que ler moito e escribir ben, e hai que empezar a expresarse mellor tanto oral como por escrito, que se note o estudo concreto que esa persoa está a facer, aprendendo a utilizar a xerga propia da carreira que prepara ou, polo menos, unha linguaxe máis elaborada, fuxindo das formas coloquiais”, engadiu o director de UNED Ourense.
Estas visitas, que se repetirán noutros IES ourensáns nos próximos meses, axudan a abrir a mente de varios mozos que ven na UNED un modo moi interesante de cursar estudos superiores someténdose ao nivel esixente desta Universidade, sabedores de que, a cambio, obterán unha excelente formación. E todo iso sen facer grandes gastos económicos en pensións, residencias nin en viaxes, pois desde calquera pobo da provincia de Ourense pode estudarse na UNED. A sede de UNED Ourense serve toda a bibliografía necesaria, as titorías, e é a este centro onde hai que acudir para facer os exames. Pero se o estudante, por traballo ou outra razón, non pode examinarse en Ourense, ten a posibilidade de facelo noutro centro UNED próximo onde áchese ese día da proba. Estas son algunhas vantaxes que ofrece a UNED nos seus 61 centros situados en todo o territorio nacional e os 23 que ten no estranxeiro.