A candidatura do Psdeg de Ourense ao parlamento comprométese a reforzar a atención primaria, o servizo de saúde mental e aquelas especialidades con máis lista de agarda

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Con Besteiro na Xunta de Galicia se incrementarán os orzamentos para sanidade, e se abordará unha reestruturación do sistema público para reducir diferenzas entre aquelas zonas máis tensionadas e aquelas con menos demanda”, sinalou a cabeza de lista, Carmen Rodríguez Dacosta

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Integrantes da candidatura pola provincia de Ourense mantiveron un encontro no Colexio de Médicos para recoller as demandas e necesidades de profesionais de diferentes especialidades

Ourense, 28 de xaneiro de 2024. A candidatura do PSdeG pola provincia de Ourense mantivo un encontro no Colexio de Médicos de Ourense con profesionais sanitarios para escoitar as súas demandas e necesidades ante a precarización laboral que veñen padecendo nos últimos anos que se traduce, a súa vez, nunha peor asistencia á poboación.

“Con José Ramón Gómez Besteiro presidindo a Xunta de Galicia non só se verán incrementados os orzamentos para sanidade, senón que se abordará unha reestruturación integral do sistema para reducir diferenzas entre aquelas zonas máis tensionadas e aquelas outras con menos demanda”, sinalou a cabeza de lista Carmen Rodríguez Dacosta.

“A situación dos e das profesionais, así como dos e das pacientes, é insostible na provincia de Ourense. Faltan especialistas e tanto a saúde mental como a atención primaria serán dúas das prioridades do goberno socialista que saia das urnas o vindeiro 18 de febreiro”, engadiu a candidata ao Parlamento.

Os datos de lista de espera, publicados en novembro, sitúan a área da provincia de Ourense á cola de toda Galicia. A media está nos 108 días de agarda para asistir a unha consulta cun especialista, fronte aos case 63 (62,9) da rede hospitalaria do Sergas. No caso do servizo de Rehabilitación as persoas derivadas a el poden chegar a esperar ata 9 meses antes de ser chamados para comezar o tratamento e en Oftalmoloxía a cifra ronda os 3 meses

“O PP leva anos nunha fuxida cara adiante sen facer fronte aos problemas dos e das sanitarias e provocando que a calidade da atención diminúa considerablemente. A prevención debería ser unha práctica habitual nas consultas de atención primaria e hai anos que deixou de ser así debido ao escaso tempo por paciente do que dispoñen as e os médicos”, rematou.

Nesta liña de medidas, onte mesmo Besteiro anunciou que os e as socialistas establecerán un límite máximo de 48 horas para que a cidadanía sexa atendida na atención primaria, lembrando a fortaleza do sistema durante o goberno de Pérez Touriño que foi desmantelado polo PP de Feijóo e Rueda.