A Xunta avanza nos traballos de posta a punto do polígono agroforestal de San Amaro, na provincia de Ourense

O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantiveron unha reunión co alcalde deste concello ourensán

Esta iniciativa, enmarcada na Lei de recuperación da terra agraria, abrangue unha superficie de 28,03 hectáreas distribuídas en 422 parcelas de 146 propietarios

AVANTAR ACTIVIDADES

Xa se rozaron 2 quilómetros de camiños, dentro da posta en valor dos terreos e a prevención de incendios, ademais de facilitar as tarefas de revisión do parcelario -actualmente estanse a levar a cabo os correspondentes traballos de investigación da propiedade-

Hoxe hai 29 polígonos agroforestais aprobados en Galicia -en diferentes fases de desenvolvemento-, que supoñen a posta en valor de 9.300 hectáreas distribuídas en 30.120 parcelas propiedades de 8.420 veciños

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantiveron hoxe unha reunión co alcalde de San Amaro, Fernando Redondo, na que se abordou a evolución dos traballos de posta en marcha do polígono agroforestal situado neste municipio ourensán.

Este polígono agroforestal abrangue unha superficie de 28,03 hectáreas distribuídas en 422 parcelas de 146 propietarios, e xa conta coa declaración de utilidade pública e interese social. A súa orientación produtiva serán os sistemas agroforestais -gandaría e masas de frondosas autóctonas- e os cultivos agrícolas anuais, probablemente alimentación complementaria da gandaría.

Neste encontro, celebrado na Casa do Concello de San Amaro, o conselleiro indicou que, dentro dos traballos de posta a punto do polígono, xa se realizaron actuacións de roza en 2 quilómetros de camiños, co obxectivo da posta en valor dos terreos e a prevención de incendios forestais, ademais de facilitar as tarefas de revisión do parcelario. Neste sentido, estanse a levar a cabo traballos de investigación da titularidade. Prevese que nas próximas datas se poida informar aos titulares dos predios incluídos no polígono dos datos correspondentes ás súas propiedades.

O de San Amaro é un dos 29 polígonos forestais aprobados en Galicia -en diferentes fases de desenvolvemento-, 17 deles na provincia de Ourense. Estes polígonos, creados ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria, supoñen a posta en valor de 9.300 hectáreas distribuídas en 30.120 parcelas propiedades de 8.420 veciños. O primeiro en entrar en produción será, neste mesmo primeiro semestre de ano, o polígono de Oímbra, orientado á cultivos leñosos -como a vide- e a produción hortícola -como o pemento-.

Neste sentido, o conselleiro lembrou que este tipo de ferramentas son unha opción moi adecuada para a recuperación de terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando a poboación e permitindo anticiparse aos incendios forestais.