Presas: “Fagamos historia cun goberno do BNG que teña as mans libres para defender O Carballiño, Ourense e Galiza”

O BNG avanza a ampliación do Polígono Industrial do Carballiño e dotará a vila ourensá de infraestruturas lúdico-deportivas

“No goberno do BNG non haberá galegos de primeira e galegos de segunda. A sanidade é un dereito que estará garantido, tamén para as crianzas” promete

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 14 de febreiro de 2024. A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, mantén un encontro coa veciñanza do Carballiño onde chamou á mobilización o vindeiro 18F para “facer historia” e ter un goberno do BNG “coas mans libres para defender os intereses do Carballiño, de todo Ourense” e rematar coa discriminación de Galiza. No concreto, Presas avanza o compromiso do BNG para impulsar o desenvolvemento social e económico –con máis e mellores servizos públicos ou a ampliación do polígono industrial- da comarca do Carballiño.

Ante as eleccións máis abertas dos últimos 15 anos, Noa Presas fixo un chamamento á veciñanza do Carballiño para apostar este 18F nunha forza política como o BNG coas mans libres para levar a cabo a maior transformación social e económica das últimas décadas e “gañar un futuro para o noso País. Unha mellor Galiza”. De facelo, faríase historia colocando por vez primeira a unha muller nacionalista na presidencia da Xunta e rematar así coa discriminación que sofre O Carballiño, Ourense e Galiza.

Desenvolvemento do polígono industrial do Carballiño

“Temos claro que hai que seguir apostando polo polígono industrial do Carballiño. De facto, estívose demandando durante moito tempo a súa ampliación e o PP sempre se opuxo mentres os problemas seguen a ser recorrentes” apunta Presas. Neste sentido, a cabeza de lista avanza o compromiso do BNG para a ampliación do polígono, unha escoita activa co tecido empresarial da comarca do Carballiño e a proposta para constituír especificamente unha mesa pola industria para Ourense.

Ourense e, concretamente O Carballiño, debe aproveitar o seu potencial e impulsar o seu músculo industrial. Así mesmo, débese crear unha sinerxia en ámbitos estratéxicos para Ourense “como a automoción, o sector aeroespacial, o enerxético, o téxtil, o sector forestal ou a agro-industria, nos que temos experiencia, coñecemento e potencial de desenvolvemento, creación de valor engadido e peche de ciclos produtivos”.

Galegos e galegas de primeira

“É evidente que o Goberno do PP nin defende a sanidade pública nin a xestiona ben”, afirmou logo de advertir que “xa se sabía que ía haber unha xubilación, máis non fixeron nada para garantir a súa cobertura”. O PP, engadiu, “non foi capaz de planificar nin de anticiparse ao problema” e o BNG, avanzou, “non permitirá que haxa galegos de primeira e galegos de segunda”.

Ante esta situación, Presas anunciou o impulso dun Plan de Choque de Atención Primaria de dotado de 200M€ para reforzar o persoal e a transformación do modelo de Atención Primaria coa inclusión de novas categorías profesionais e garantir cohesión e reequilibrio territorial, desde o goberno galego do BNG.

Por outra parte, en materia de infraestruturas o BNG afirmou o seu compromiso coa dotación de infraestruturas no ámbito deportivo e de lecer para a mocidade do Carballiño. “Durante moitos anos levamos propondo no Parlamento que se impulsen estes proxectos mais o Partido Popular vetounas de maneira recorrente” evidencia Presas.