Badalnovas entrevista a Marta Lois (con vinculos familiares no Carballiño), candidata de Sumar á presidencia da Xunta de Galicia

Marta Lois cuxos vinculos familiares con Carballiño son moi fortes, concedeu esta entrevista a Badalnovas


Marta Lois González será a candidata de Sumar á Xunta de Galicia nas próximas eleccións autonómicas que se celebrarán o 18 de febreiro de 2024, representando á formación SUMAR, que lidera a vicepresidenta do Goberno e Ministra de Traballo, Yolanda Díaz. En plena campaña electoral, quixemos falar con ela, de sensacións, obxectivos e propostas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Que significa para ti O Carballiño?

A miña casa. Alí viven meus pais e vou regularmente a estar coa familia. Aprendín moito deles e sigo a aprender cada día. A pelexar por non ser menos ca ninguén, a defender a miña liberdade como muller. O Carballiño para min é a miña orixe, son os meus recordos da infancia, das festas do setembro, as festas do pulpo. A casa de Varille, na parroquia de Partovia, é o lugar onde sempre que podo vou e onde me gusta estar. Carballiño é familia, é lembranza da infancia, de moitos bos momentos.

Marta na praza maior do Carballiño nunhas festas do setembroi
  • Cunha ampla experiencia política ás costas, toca afrontar un novo reto para ti. Como foi a toma desta decisión de presentarte á presidencia da Xunta?

Esta candidatura é a continuación dun compromiso que me leva acompañando toda a vida. Sempre teño en mente a frase das sufraxistas: feitos, non palabras. O coherente cando un cre que pode mudar as cousas é dar un paso adiante. Sei moi ben de onde veño e a quen defendo. E sei que Sumar é decisivo para o cambio. E para un cambio ambicioso.

  • SUMAR busca ter impulso en Galicia nestas eleccións. Cales son as vosas expectativas? Credes que o apoio que se recibiu a nivel nacional terá o mesmo tirón nas autonómicas?

Todo o mundo recoñece que Sumar foi a forza política chave para pararlle os pés a Feijóo e Abascal nas eleccións xerais do 23 de xullo. Se todas as galegas e galegos que votaron progresista o 23 de xullo votan progresista o 18 de febreiro, hai cambio na Xunta de Galicia. A nosa é a campaña da mobilización. Sabemos que somos decisivas agora igual que o fomos hai uns meses. E por iso estamos aquí. Para iso está Sumar. Para serlle útil á xente.

  • En relación aos pactos, cal sería a postura de SUMAR para desbancar a maioría do Partido Popular? Ana Pontón sería unha boa socia de goberno?

Se algo caracteriza o meu xeito de facer política é a miña capacidade para chegar a acordos. Creo que a mellor política é a que se fai dende o diálogo e a negociación. Somos a forza política dos traballadores e traballadoras, a forza das mulleres, a forza que prioriza a saúde mental e a única que é quen de facerse cargo con valentía do reto da emerxencia climático. Se Sumar está no goberno da Xunta, estarán as prioridades dos galegos e galegas.

  • Desgranando o voso programa electoral, un dos puntos fortes é a sanidade e a atención primaria. Na provincia de Ourense levamos un comezo de ano de reivindicacións.

Os gobernos do Partido Popular, primeiro con Feijóo e agora con Rueda, esnaquizaron a nosa sanidade pública. Debe ser unha prioridade para o vindeiro goberno do cambio. Comprométome con todas as galegas e galegos a rescatar a sanidade nos primeiros 100 días de goberno. Algunhas medidas para facelo: atención primaria nun máximo de 48 horas, urxencias nun máximo de 24 horas e psicólogas en todos os centros de saúde do país. Estamos coa xente que loita, coas enfermeiras e con todo o persoal sanitario. Sabemos que a situación é de urxencia e actuaremos en consecuencia dende o goberno.

  • Tamén queredes cambios en Igualdade, cunha consellería exclusiva para este ámbito. Que carencias credes que hai actualmente nestas políticas?

Levo toda a miña vida, na academia e no activismo, dedicada a loitar por unha igualdade real. Son feminista e gobernarei tendo moi presente o feminismo. A miña inspiración política, sempre o digo, son as sufraxistas, que pelexaban ao grito de “feitos, non palabras”. Este país merece unha Consellería de Igualdade que faga políticas feministas e que priorice tamén avances en dereitos e liberdades para o colectivo LGBTIQ+. Pero non é suficiente cunha Consellería, precisamos dotala de recursos e de políticas efectivas. A perspectiva de xénero ten que estar presente en todas as políticas públicas. Somos a única forza política que pon no centro, ao principio de todo, do seu programa, o feminismo. Non é casualidade.

  • Fálanos doutros puntos chave que queredes instaurar de cambio na Xunta de Galicia.

Comezamos a campaña anunciando que, con Sumar no goberno, Galicia será a segunda comunidade en regular os prezos dos alugueiros. Xa o fixo Cataluña e nós non podemos ser menos. Non pode ser que os mozos e mozas do país empreguen máis da metade do seu salario en pagarlle ao caseiro.

Tamén queremos unha Renda Básica Universal para a mocidade de entre 18 e 30 anos. A desigualdade neste país ten un nesgo claro de idade. Nós non queremos un goberno que faga caridade cos pobres, queremos un goberno que crea na xustiza social e que inaugure e amplíe dereitos. Non pode ser que só os fillos dos ricos teñan varias oportunidades. Non é xusto xogar na vida coas cartas marcadas. Con Sumar, iso remata. Toda a mocidade ten dereito a emprender os seu proxecto de vida, a probar, a cooperar. Queremos protexer e impulsar a creatividade da xente. Galicia é un gran país cun goberno que non está á altura.

  • Como afrontas esta campaña electoral? Está sendo como esperabas?

Estou ilusionada polas mensaxes de apoio e forza que estou recibindo. Estamos percorrendo todo o país. Sei de moita xente quere votar Sumar, pero ten dúbidas. Eu dígolles que miren os datos: se Sumar está, hai cambio de goberno. Apelo a todos os votantes doutras forzas políticas que están dubidando. Só se está Sumar é posible o cambio. E ademais un Sumar forte garante un goberno preocupado polos temas que importan: a saúde, os alugueiros, a emerxencia climática, a liberación de tempo de vida para as mulleres. Nese sentido o voto a Sumar vale dobre. Fai que caia Rueda e que haxa un goberno de cambio coa ambición que outras opcións non aportan. Nós xamais nos equivocamos e sabemos a quen temos que defender.

  • Unha quiniela de como quedará o hemiciclo con X días de campaña aínda por loitar?

Estámonos xogando escanos clave co Partido Popular. Se toda a Galicia progresista sae votar, o 18 de febreiro haberá cambio e un goberno con Sumar que poña a vida dos galegos e galegas no centro. Para que estean as mulleres, a saúde mental, para que se regulen os alugueiros, para facer políticas avanzadas en materia de transición ecolóxica, ten que estar Sumar.