O alcalde do Carballiño e a Deputación de Ourense manteñen conversas para o intercambio de dúas fincas que permitirían desenvolver o proxecto de construción dun complexo deportivo na zona da Uceira, que tamén incluiría un novo campo de fútbol para o C.D. Arenteiro.
O concello carballiñés quere construír un campo que cumpra cos requisitos esixidos pola Federación española de Fútbol para a categoría Primeira RFEF, na que actualmente compite o C.D. Arenteiro. Entre este requisitos figura unha capacidade para 4.000 persoas sentadas, grada perimetral e iluminación axeitada. Ademais, a nova área deportiva daría servizo a máis de 400 persoas que xogan ao fútbol no Carballiño, ofrecendo unhas instalacións máis adecuadas. Dende o concello consideran que é a zona máis idónea para o seu desenvolvemento e así llo farán saber ao ente provincial.