Os socialistas afirman que os cativos e cativas de infantil, precisan nalgúns casos “coidados e que se os mude de roupa”, e denuncian que “teñan que ser os país os que acudan a escola a realizar esta tarefa”
O voceiro do PSdeG en Cartelle, Jesús Pereira Vázquez, aclara que con esta figura “permitirase unha correcta conciliación para os país” e os nenos e nenas “estarán aínda mellor atendidos por unha figura cun traballo específico”
O PSdeG-PSOE de Cartelle defenderá no vindeiro pleno municipal unha moción na que insta ao concello a apoiar ás familias que inician o curso escolar con nenos e nenas na etapa infantil e que precisan atencións e coidados específicos. Ante a ausencia dunha figura laboral que se encargue das tarefas tradicionais de mudado de roupa ou cueiros, os socialistas avogan pola creación da figura do coidador ou coidadora e que correría a cargo do Concello. Un reforzo, que segundo apuntan “serviría para mellorar a atención diaria a cativada de Cartelle que está matriculada no CEIP San Marcos.
O curso xa comezou cunha das maiores preocupacións sociais da historia como é a pandemia orixinada polo coronavirus e o seu avance diario en contaxios na sociedade, e como estamos a ver nos últimos días, as escolas non son alleas a este virus. Ante esta situación, dende o Grupo Municipal Socialista consideran “primordial” que o Concello esté a carón das familias, apoiando e facilitando o retorno as aulas dos máis pequenos e que conten sempre con todas as atencións e coidados necesarios.
Na etapa de infantil nos colexios, os coidados deben ser asumidos polas familias no momento en que é preciso mudar de roupa a unha nena ou neno, debido a unha pequena lesión ou outros motivos de atención ou coidados persoais puntuais. Ante esta situación o voceiro socialista en Cartelle, Jesús Pereira Vázquez, considera que “non nos damos conta de que non apoiamos aos nenos e nenas no desenvolvemento da súa autonomía, nin ás familias nas súas responsabilidades laborais e en xeral non avanzamos cara unha conciliación efectiva”.
Pereira considera que na situación actual “hai que plantexar un debate social e político” co obxectivo de que a figura do coidador ou coidadora “sexa implantada nos centros para que o alumnado con cadros clínicos concretos, ou simplemente por corta idade, poida ter uns coidados idóneos”. O voceiro socialista tamén remarca que da mesma forma que se asume un servizo de acompañantes no transporte escolar aos centros, “toca traballar para asumir a tarefa política que posibilite o apoio das mestras e mestres de infantil e das familias e alumnado desta etapa”.
Os socialistas consideran que as administracións públicas deben concienciarse de que “as nenas e nenos de 3 ou en ocasións aínda con menos idade, veñen dos xardíns de infancia e fogares, onde se tiveron en conta as súas necesidades e estiveron cubertos os seus coidados, polo que na escola non pode ser menos”. Ante o baleiro legal existente neste asunto, o PSdeG de Cartelle defende a “necesidade de reaccionar de inmediato” e deste xeito, darlle a sociedade unha “resposta inmediata”. Afirman tamén que “non podemos perdernos en debates, burocracia ou formalismos” e subliñan que “é o momento de actuar”.
Para os socialistas a educación é un dos piares fundamentais da sociedade actual e tal e como remarca o seu voceiro en Cartelle, Jesús Pereira, “só a formación poderá axudar a erradicar, por exemplo, o caciquismo e a cultura dos favores, que en Cartelle, lamentablemente son de uso e costume”.