Acordos do Pleno da Deputación na sesión ordinaria de febreiro de 2024

Ourense, 23 de febreiro de 2024.- A Corporación provincial de Ourense celebrou hoxe o seu pleno ordinario correspondente ao mes de febreiro, que comezou coa toma de posesión de dous novos deputados provinciais: Antonio Fernández Martín, do grupo de Democracia Ourensana, e  Emilio Luís Díaz Vidal por parte do PSOE.

Ademais de gardar un minuto de silencio pola traxedia ocorrida en Valencia, ao inicio da sesión tamén se deu lectura a unha declaración institucional con motivo da próxima celebración do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, documento no que se reafirma o compromiso da Deputación de Ourense coa igualdade de xénero en todos os espazos da vida política e social local.

AVANTAR ACTIVIDADES

A través desta declaración, a corporación provincial comprometeuse a:

  • Promover a participación activa das mulleres na vida política e social local, mediante accións de sensibilización, capacitación e fomento do liderado feminino que permitan acadar a paridade na corporación e nas alcaldías.
  • Incorporar a perspectiva de xénero en todas as políticas e programas, garantindo que se tomen en conta as necesidades e realidades específicas de mulleres e nenas nestas accións.
  • Aplicar medidas para garantir a igualdade salarial e de oportunidades no emprego, promovendo a participación equitativa de mulleres en todos os niveis e sectores laborais.
  • Impulsar campañas de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero, dando apoio integral ás mulleres vítimas e traballando na erradicación da violencia machista. 

Xunto a estes asuntos, o Pleno adoptou os seguintes acordos:

Inventario de bens

Aprobouse a actualización e rectificación anual do Inventario Xeral de Bens e Dereitos da Deputación de Ourense, coas baixas e altas que figuran no expediente, constituíndose o devandito inventario ao 31 de decembro de 2023.

Este documento recolle 762 inmobles, 1764 bens do histórico artístico, 8 valores mobiliarios, 315 vehículos, 5 semoventes, 40.230 mobles (non comprendidos nos apartados anteriormente citados) e 44 bens e dereitos revertibles.

O importe total do Inventario Xeral de Bens e Dereitos da Corporación a data 31 de decembro de 2023 ascende a 1.869.914.986,41 euros.

Modificación do Regulamento Orgánico da Deputación

Aprobouse inicialmente a modificación do Regulamento Orgánico da Deputación de Ourense co que se regula o desenvolvemento normativo da organización e funcionamento dos órganos políticos da institución provincial e do estatuto dos seus membros, exclusivamente naqueles aspectos non regulados pola lexislación básica de réxime local e pola lexislación complementaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

Plan Provincial de Cooperación

Tamén se aprobou inicialmente o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial para o exercicio 2024, elaborado trala presentación das solicitudes dos concellos da provincia coas súas propostas de investimento, gasto ou amortización de débeda que serán financiadas pola Deputación a través deste novo modelo de financiamento.

A Deputación destinará a través deste Plan de Cooperación un orzamento de 17 millóns de euros entre as entidades locais no seu primeiro ano de vixencia.

MOCIÓNS

Defensa dos sectores agrogandeiros da provincia de Ourense

1.- Tal e como se acordou no pleno de outubro de 2022, reclamar da Xunta de Galicia que a través da Consellería do Medio Rural faga público con carácter inmediato o “Plan Estratéxico do Sector Agrario da Limia” xa rematado en Novembro do ano 2021, e que se implementen con carácter inmediato os fondos necesarios para comezar a executar as súas determinacións.

2.- Esixir do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a modificación da Lei da Cadea Alimentar de 2021, de xeito que os prezos pagados ao sector produtor nunca podan estar por baixo dos custes de produción, máis o marxe de beneficio para a explotación agraria.

3.- Esixir da Consellería de Medio Rural a recuperación da fórmula de Contratos Homologados para fixar prezos dignos ao sector produtor, a través das distintas Mesas de Negociación entre sector produtor e empresas elaboradas, coa mediación da Xunta de Galicia.

4.- Esixir da Consellería do Medio Rural a reforma e adaptación do actual PEPAC ás necesidades do agro galego, con apoio especial as nosas pequenas e medianas explotacións, favorecendo a transformación agraria e os circuítos curtos de comercialización.

5.- Esixir da Consellería de Medio Rural o desenvolvemento e recuperación dos obxectivos do Banco de Terras para a posta en produción de SAU (co obxectivo das 30.000 ha na nosa provincia) para poñelas a disposición das explotacións vitícolas, agrarias e gandeiras de agricultores e non da especulación de fondos de investimento foráneos.

6.- Esixir da Consellería do Medio Rural o apoio decidido á agricultura ecolóxica, comezando por abonar as axudas pendentes a produtores e produtoras de ecolóxico.

Proxecto de regadío na comarca da Limia

1.- Instar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a que promova un cambio lexislativo que permita non repercutir o IVE non deducible aos regantes e no caso de que este non fora posible, asumir a financiación do 80% de dito IVE.

2.- Instar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a que revise o esquema de financiamento do convenio para evitar que os regantes teñan que avalar o montante total do seu investimento.

3.- Instar a Xunta de Galicia a que asuma a súa parte da financiación do 20% do IVE da actuación, no caso de que non se acade o cambio lexislativo que permita a súa non repercusión.