O grupo municipal socialista do Concello de Ourense vén de rexistrar unha solicitude urxente para coñecer por que se mercou novo mobiliario para a sede de Urbanismo

O grupo municipal socialista do Concello de Ourense vén de rexistrar unha solicitude urxente para coñecer por que se mercou novo mobiliario para a sede de Urbanismo, así como o total do mobiliario adquirido, a empresa adxudicataria do mesmo e o importe total da contratación do servizo de traslado, manexo e custodia de documentos. “Hai cartos para comprar mobiliario novo que non é preciso pero as partidas son insuficientes para os servizos sociais ou a conciliación. Que intereses teñen Jácome e o seu concelleiro nisto?”, sinala a edil e portavoz do PSdeG, Natalia González Benéitez.

Neste senso, tamén reclaman saber as socialistas por que, e con que criterios, se produciron as reorganizacións de servizos das concellerias de Urbanismo e Infraestruturas e ter acceso á providencia ou orde de execución das accións de reorganización de dependencias municipais e autorización para a manipulación e custodia dos expedientes obrantes na mesma con todas as garantías legais.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Por que converteron nun auténtico caos e polvorín a concelleria de Urbanismo, removen a todo o persoal sen criterio algún e aínda por riba manexan documentación sensible utilizando a terceiros sen supervisión de ningún técnico municipal ou persoa autorizada?”, pregunta a edil ao respecto dos moventos coñecidos nas últimas horas.

Por todos este motivos, o grupo municipal esixe que, de maneira urxente, se lle facilite toda a información ao respecto por tratarse de feitos moi graves os que están a acontecer nesta concellería. “Foi totalmente desmantelada e paralizada nos últimos anos por Jácome e o sr. Lorenzo, da que dependen asuntos chaves para a cidade como o futuro do PXOM ou o PEPOU, entre outros, e cuxo mal funcionamento derivado da súa irresponsabilidade política e escuros intereses están a ocasionar grandes prexuízos para os traballadores e traballadoras e para a propia cidadanía”, advirte a tamén secretaria xeral do PSdeG en Ourense.