Nota do Bng de Ribadavia sobre o Pleno Extraordinario

SOBRE AS CUESTIÓNS DEBATIDAS NO PLENO EXTRAORDINARIO DE HOXE

Publicidade

Para hoxe convocárase un pleno extraordinario con dous puntos na orde do día.

Porén, ambos puntos quedaron sen votar. O BNG ía votar abstención no punto 1 e a favor no punto 2. Lamentamos que os asuntos sigan pendentes enriba da mesa, o BNG mantivo e manterá unha actitude de man tendida e acudirá a todas as xuntanzas que se volvan producir, pero os grupos maioritarios da corporación teñen que asumir a súa responsabilidade e o noso concello ten que avanzar.

En todo caso, manifestamos publicamente a nosa valoración do que inicialmente se ía tratar e votar:

No primeiro punto, unha modificación do orzamento municipal para dispor 100.000 euros destinados a unha orde se subvencións a autónomos e pemes.

Seguimos a valorar que esta medida que propón o goberno municipal é insuficiente, en canto aos fondos asignados e tamén en canto aos colectivos amparados.

O BNG non está en contra da aprobación destas axudas e tendo en conta a tramitación administrativa necesaria en cada subvención pública é necesario avanzar para que os fondos cheguen a tempo de paliar os graves menoscabos económicos que se están a producir.

Pero non se trata do plan que realmente necesita Ribadavia, temos moi presente que unha de cada tres persoas que queren traballar están nestes momentos ou nun ERTE e directamente no paro. A nosa economía local non se vai recuperar se non hai xente que poida consumir os seus produtos. A precariedade non axuda a que a xente viva nin compre en Ribadavia, polo tanto, como xa vimos insistindo é urxente a aprobación dun plan de emprego dirixido ás persoas que están no paro e dun plan extraordinario de emerxencia social que lle garanta uns mínimos de vida a toda a cidadanía.

Os fondos municipais, se ben se poden ampliar máis alá dos 100.000 euros dispoñibles dende hoxe, non son suficientes. A Deputación provincial ten a obriga de colaborar cos concellos, e dispón de 85 millóns de euros e unha marxe de actuación respecto a circunstancias extraordinarias moito maior ca dos concellos coma o de Ribadavia. Os alcaldes, coma o noso, teñen que escoller entre a pleitesía que que permite a Baltar gastar os cartos de todos como lle ven en gana e a defensa da súa veciñanza, da xente de Ribadavia.

A portavoz municipal do BNG, Maite Rodríguez reiterou as propostas realizadas na xunta de portavoces celebrada o pasado martes 5 de maio:

– que non só se produza unha axuda económica directa a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas (pemes) se non tamén unha desgravación de taxas e impostos cuxo cobro non estaría xustificado debido á baixada de actividade: taxas de recollida do lixo, de ocupación do espazo público con terrazas

– que se reduza o máximo de renda de 40.000 € para as persoas beneficiarias

– que se reduza o umbral de descenso de actividade, do 75% ao 50%

– que se acorde un plan de emerxencia social dirixido ás familias de risco de exclusión social, ás persoas maiores dependentes ou que viven soas, estudantes e persoas discapacitadas

– que se acorde un plan de emprego e formación laboral, con medidas coma o reforzo do persoal dos servizos de atención social, para atender aos colectivos máis vulnerables e un reforzo do persoal municipal dedicado ás obras e a rehabilitación de espazos públicos

– que a Deputación apoie con partidas específicas estes plans municipais

É fundamental e urxente, que dende o Concello se elabore un plan de reactivación económica de Ribadavia, con investimentos públicos e privados, que impulse o mantemento de comercios, empresas e emprego no noso concello.

En canto ao segundo punto da orde do día, tratábase dun convenio entre o noso Concello e a Confederación Hidrográfica para a renovación das canalizacións do abastecemento municipal de augas en San Cristovo, previsto para a súa execución en 2021.