Emilio González subliña a importancia de concienciar á comunidade educativa da necesidade de cumprir as normas para o transporte escolar

IES CHAMOSO LAMAS

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, incidiu esta mañá na importancia de concienciar a pais, responsables educativos e condutores de autobuses da necesidade de cumprir as normas establecidas para o transporte escolar. Así o indicou durante a presentación en Seixalbo da campaña especial da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) de vixilancia e control do transporte escolar, na que estivo acompañado polo xefe provincial da DXT, David Llorente; pola subxefa provincial da DXT, Andrea Conde; polo tenente do Subsector de Tráfico da Garda Civil en Ourense, Javier Barja; e pola directora do CEIP de Seixalbo, María José Feijóo.

O subdelegado do Goberno sinalou que esta campaña ten moita transcendencia en Galiciadebido á gran extensión de rutas  de transporte escolar existentes na Comunidade. “Somos a comunidade española con máis rutas de transporte en tódolos niveis educativos”, indicou.

OZOCOgz Deseño Galego

Emilio González salientou que esta campaña se prolongará ata o próximo venres, día 21. Durante estes cinco días, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e das policías locais de Ourense, O Barco de Valdeorras, O Carballiño e Xinzo de Limia realizarán inspeccións sobre estes vehículos e os seus condutores, especialmente en estradas convencionais e en vías urbanas, para comprobar o cumprimento da normativa establecida.

Aínda que a vixilancia por parte da Agrupación de Tráfico da Garda Civil é permanente, esta semana intensificaranse os controis preventivos sobre os vehículos destinados ao transporte escolar, comprobando que as autorizacións e documentos que deben ter ditos vehículos sexan os correctos para a prestación do servizo. Así mesmo, verificaranse que as condicións técnicas e elementos de seguridade do vehículo son os que esixe a normativa, así como os requisitos especiais que debe cumprir o propio condutor, como son o permiso de condución ou os tempos de condución e descanso.

O subdelegado do Goberno destacou que “estamos ante un sector seguro, no que as taxas de accidentalidade son mínimas. Na nosa provincia, dende 2016 e ata hoxe só temos que lamentar un ferido leve por atropelo ao apearse do autobús escolar en Pontedeva, acontecido no ano 2020″.

O xefe provincial da DXT, David Llorente, resaltou que, segundo as estatísticas da DXT, “o 90% dos accidentes que se producen durante o transporte escolar teñen lugar no momento de subir ou baixar do vehículo, ou xusto nos instantes inmediatos e, en moitos casos, trátase de atropelos causados por unha distracción do menor, do condutor do transporte escolar ou dos acompañantes”.

Na campaña equivalente de control de transporte escolar realizada o pasado mes de decembro, controláronse en Ourense 46 autobuses e formuláronse 14 denuncias. As irregularidades administrativas son as que maior número de denuncias xeraron, ben por non dispoñer da autorización especial para realizar transporte escolar ou polas irregularidades co seguro de responsabilidade ilimitada que esixe este tipo de transporte. Ademais, 2 vehículos controlados carecían do letreiro indicativo do número de prazas e noutro autobús detectáronse irregularidades nas portas de emerxencia e servizo.