O Concello do Carballiño, a través do Servizo de Normalización Lingüística, vén de convocar o concurso de postais de Nadal en galego dirixido á infancia e mocidade. “Trátase dunha actividade que recuperamos despois de moitos anos porque favorece a transmisión interxeracional e fomenta a creatividade, ademais do uso da nosa lingua por parte das novas xeracións”, explica Lorena Castro, concelleira de Educación.
O concurso está dirixido a nenos e nenas de 3 a 16 anos escolarizados nos centros educativos do Carballiño e conta con tres categorías: educación infantil (de 3 a 5 anos), educación primaria (de 6 a 11 anos) e educación secundaria (de 12 a 16 anos).
A temática é libre, aínda que é preciso incluír alusións ao Nadal e aos seus valores. Cada participante poderá presentar unha obra orixinal que non fose premiada noutros concursos. Os traballos deben realizarse sobre folio ou cartolina DIN A-4 e poderán conter un breve texto en lingua galega. A técnica debe ser manual e o material é totalmente libre (pintura, cera, rotulador, acuarela, témperas, lapis, collage…).
Os premios serán vales destinados exclusivamente á adquisición de libros, materiais, xogos, música e outros produtos culturais ou educativos editados en lingua galega, co obxectivo de fomentar a súa presenza no ocio dos participantes.
Así, en educación infantil, o primeiro premio é un vale por importe de 50 euros, e o segundo, de 30 euros. En educación primaria, 60 e 40 euros, respectivamente. E en secundaria, o primeiro será un vale de 80 e o segundo, de 60 euros. As bases completas pódense consultar no Boletín Oficial da Provincia no seguinte enlace: https://bop.depourense.es/portal/anuncio/353085. Para participar é necesario presentar a postal no Rexistro Xeral do Concello ata o 15 de decembro de 2026.

















