O PSdeG-PSOE de Beade alerta dun novo episodio de falta de facultativos no centro de saúde do municipio, o que unha vez máis volve a provocar que a veciñanza teña que ser derivada a Leiro para recibir atención médica. Os e as socialistas critican a “falla de previsión” do Sergas e da Xunta de Galicia e denuncian que esta situación “repítese ciclicamente ao longo do ano, supondo un grave problema e desleixo para a veciñanza de Beade”.
Dende o grupo municipal socialista consideran que para unha poboación envellecida como a de Beade, esta situación supón un “grave contratempo”, xa que a veciñanza vese obrigada a ter desprazarse para poder acudir ao médico. Unha situación á que se suman os problemas de conciliación, xa que tal e como apuntan dende o PSOE “ante a obriga de ter que facer quilómetros ata Leiro, moitas persoas maiores deben recorrer aos fillos e fillas para que os poidan achegar, o que fai que teñan que pedir horas no traballo que logo deben recuperar”.
A concelleira do PSdeG-PSOE en Beade, Carmen Rama Cotelo, subliña que o alcalde, o popular Fernando Taboada, “debe pórse a traballar xa e a reunirse tanto co Sergas como cos seus socios de partido na Xunta para buscar unha solución definitiva aos problemas da falta de facultativos en Beade”. A edil socialista remarca que que o centro de saúde de Leiro e os seus facultativos “non teñen capacidade dabondo para poder dar servizo médico aos habitantes dos dous concellos”. Unha situación que xa quedou latente o verán pasado e en decembro de 2023.
Rama Cotelo subliña que a xerencia sanitaria de Ourense e o Sergas “deben contemplar estes casos, xa que as vacacións son un dereito de calquera traballadora, e as baixas tamén son unha realidade, polo tanto, deben prever estas ausencias coa chegada de facultativos substitutos”. A concelleira tamén pon o foco en que o alcalde “xa ten dedicación e cobra unha nómina do concello”, motivo polo que lle esixe “implicación no tema, máis aló de pagarlle o taxi”.
Os e as socialistas de Beade acusan a Fernando Taboada de ser un colaborador “necesario” da xerencia sanitaria de Ourense para iniciar o “desmantelamento” de servizos en Beade e alertan que “este é o primeiro paso para ir pouco a pouco eliminando a asistencia médica no noso municipio, xa que segue o mesmo modus operandi do acontecido coa escola, hoxe pechada”. Dende o PSOE de Beade instan ao concello a “defender os intereses da veciñanza, en lugar de metela en coidados paliativos a base de abandono e desleixo”.