Marcos Vázquez, novo director da Área de Cultura e Deporte da Deputación

Ourense, 25 de marzo de 2024.- Esta mañá tomou posesión do seu cargo o novo director da Área de Cultura e Deportes da Deputación, Marcos Vázquez, cuxa candidatura foi seleccionada pola súa competencia profesional, experiencia, idoneidade e aptitudes para o desempeño do dito posto, consonte ás bases que regulaban a convocatoria para a provisión mediante libre designación desta dirección. Gómez asinou a toma de posesión da súa nova responsabilidade, rubricada tamén polo presidente da Deputación, Luis Menor, en presenza ademais do secretario xeral, Juan Marquina, unha vez publicado hoxe no BOP o correspondente decreto da Presidencia.

AVANTAR ACTIVIDADES

O novo director da área márcase como obxectivo no ámbito cultural “continuar a conservar o rico ligado que temos”, pero tamén afrontando novos retos que demanda a sociedade, pois segundo sinala “hai moito campo no que traballar, sobre todo mirando cara as novas xeracións”. Polo que respecta ao deporte, propón “aportar valor á cadea da práctica deportiva”, que tantos milleiros de seguidores ten de todas as idades.

Pola súa banda, o presidente da Deputación destacou a ampla formación e traxectoria profesional no sector público e privado de Marcos Vázquez, “que sei que se transformarán en éxitos para a Área de Cultura e Deporte”, agradecendo ademais o traballo, esforzo e compromiso que vén amosando desde o ano 2014 no desempeño das súas funcións como enxeñeiro técnico en Prevención de Riscos Laborais da Deputación.

Marcos Vázquez Guzmán é enxeñeiro industrial con formación multidisciplinar en xestión empresarial, cultural, artística e deportiva. Conta con 13 anos de traxectoria no sector público tanto na Deputación de Ourense como no Concello de Vilamarín, realizando tarefas vencelladas aos ámbitos da seguridade, prevención, organización, xestión económica, cultura e deporte. No sector privado conta con 10 anos de experiencia en diferentes empresas nos campos da dirección xeral, xerencia, dirección de proxectos, dirección de innovación, dirección de persoas, dirección de enxeñería e dirección de mellora continua, así como no desenvolvemento de actividades artísticas e culturais.