A Deputación lidera un grupo de traballo para previr os efectos do cambio climático nos mananciais de augas mineromedicinais

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O deputado de Innovación e Desenvolvemento Sostible, Jorge Pumar, está a participar na reunión de lanzamento do proxecto ThermEcoWat que se celebra estes días na localidade francesa de Lyon

Ourense, 27 de marzo de 2024.- O deputado provincial de Innovación e Desenvolvemento Sostible, Jorge Pumar, está a participar na reunión de lanzamento do proxecto ThermEcoWat que se celebra estes días en Lyon (Francia). O proxecto, aprobado pola autoridade de xestión do programa Interreg VI-B-Sudoe, ten como obxectivo o estudo anticipado dos efectos do cambio climático nos mananciais de auga mineromedicinal, provocados polo descenso das precipitacións, e a  proposta de novos aproveitamentos para estes recursos hídricos destinados a usos agrícolas ou enerxéticos, impulsando destinos termais máis sostibles e resilientes.

Na reunión definiuse a metodoloxía común a aplicar por todos os territorios que integran este proxecto (a rexión francesa de Auvergne-Rhone-Alpes, a provincia de Ourense, o municipio barcelonés de Caldes de Montbui, e a localidade de Termas de Sao Pedro do Sul en Portugal)  e que se materializará en tres grupos de traballo.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Un dos grupos de traballo liderado pola Deputación de Ourense realizará, cunha perspectiva social, unha estimación do impacto económico deste cambio climático nas vilas termais e proporá plans de acción non só para mitigar os seus efectos senón tamén para xerar novas oportunidades. Neste grupo está previsto traballar de xeito conxunto cos axentes do sector. O segundo grupo de traballo cunha orientación científica, realizará entre outras actividades unha caracterización do potencial xeo-enerxético da agua termal e unha estimación do impacto do cambio climático nas estacións termais. E, por último, un grupo de traballo estará centrado en analizar as vulnerabilidades e a adaptación dos axentes do ecosistema termal ante os efectos do cambio climático.

A recepción institucional da reunión de lanzamento do proxecto en Lyon correu a cargo de Florence Duvand, conselleira a cargo do Turismo Termal na Rexión de Auvergne-Rhone-Alpes e tenente de alcalde de Evian; e de Yves-Jean Bignon, presidente da asociación de estacións termais de Thermauvergne, que aglutina once balnearios terapéuticos deste territorio do sur de Francia e tenente de alcalde de Vichy.

Son membros do consorcio TermEcoWat ademais da Deputación de Ourense, de Francia: Thermauvergne (asociación de 11 balnearios terapéuticos desta rexión); e BRGM Auvergne‐Rhône‐Alpes (instituto público especializado en Xeoloxía do goberno rexional de Auvergne-Rhone-Als); de España: Ajuntament de Caldes de Montbui, Institut Cartogràfic i Geològic de Catalunya, GEOPLAT- Plataforma Geotérmica Española; de Portugal: Termalistur, Termas de S. Pedro do Sul, Laboratório Nacional de Energia e Geologia. Ademais, colabora colaboran diversas entidades asociadas entre as que se atopa o Inorde.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------