O Marcos Valcárcel acollerá o 2 de abril o remate do curso 23-24 do Obradoiro de Instrumentos da Deputación

O acto incluirá un concerto didáctico e unha Máster Class do artista armenio Hovhannes Karakhanyan, especialista na frauta coñecida como “Duduk”, instrumento con máis de 3.000 anos de antigüidade.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 27 de marzo de 2024.- O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá o próximo 2 de abril o remate do curso 23-24 do Obradoiro de Instrumentos da Deputación. O acto incluirá un concerto didáctico e unha Máster Class, como parte da entrega de diplomas deste curso, impartido por Manuel Brañas e Xosé Maceda.

Tanto o concerto como a clase maxistral correrán a cargo do músico armenio Hovhannes Karakhanyan, especialista na frauta coñecida como “Duduk”, instrumento con máis de 3.000 anos de antigüidade, considerado unha obra mestra do Patrimonio Cultural Intanxible Mundial da UNESCO.

Karakhanyan, artista recoñecido internacionalmente, adica a súa vida a dominar este instrumento e transmitir os seus pensamentos e sentimentos a través del, difundindo a súa paixón polo Duduk a través de concertos, talleres e Máster Class en toda Europa.

A clase maxistral levarase a cabo de 12:00 a 18:00 e o concerto terá lugar ás 19:30, ambos con entrada libre.