O delegado territorial asistiu na adega Vía Arxéntea de Monterrei ao inicio da 15ª edición da Primavera de Portas Abertas nas Rutas dos Viños impulsada por Turismo de Galicia
- O delegado territorial sinalou que o viño contribúe á nosa imaxe de país ademais de ser un polo de atracción de visitantes e turistas
- Manuel Pardo recalcou “o enoturismo como un turismo dun alto valor engadido e unha potente ferramenta para o desenvolvemento dun tecido socioeconómico moderno, sustentable e con futuro, nunha contorna como é Monterrei”
- A Primavera de Portas Abertas das Rutas dos Viños desenvolveranse dedicando unha fin de semana a cada unha das rutas, sendo a primeira a Ruta do Viño de Monterrei (08 ao 10 de maio), posteriormente a de Valdeorras (15 ao 17 de maio), a das Rías Baixas (22 ao 24 de maio), a da Ribeira Sacra (29 ao 31 de maio) e finalmente a Ribeiro (do 05 ao 07 de xuño).
Ourense, 09 de maio de 2026. – O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, asistiu á 15ª edición da Primavera de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia, impulsada por Turismo de Galicia, que dende onte ata o vindeiro 10 de maio, se está a desenvolver na Ruta do Viño Monterrei, onde puxo en valor o viño galego como principal elemento dinamizador dos territorios que compoñen as cinco denominacións de orixe vitivinícolas da nosa comunidade.
Na adega Vía Arxéntea, o delegado territorial sinalou que o viño contribúe á nosa imaxe de país ademais de ser un polo de atracción de visitantes e turistas. “Temos un sector responsable e sostible coa súa contorna e coas persoas que nos rodean -engadiu- e ao seu arredor progresan moitos pobos e cidades pequenas da nosa xeografía, vertebra o territorio e ofrece emprego de calidade, aliñando esta ruta coa Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas impulsada pola Xunta en colaboración co sector, coas tres universidades galegas e cos axentes relevantes dos respectivos territorios para acadar a consolidación dos nosos viños nos diferentes mercados”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
As persoas que se acheguen a este evento poderán coñecer as adegas participantes, a través das visitas guiadas e gratuítas ás instalacións. Ademais, hai distintas propostas de actividades, como catas e degustacións, visitas a museos e centros de interpretación relacionados coa viticultura, rutas históricas ou pola natureza, paseos en barco, obradoiros, concertos etc.
Esta 15ª edición, organizada pola Xunta de Galicia en colaboración coas Asociacións das Rutas dos Viños das cinco Denominacións de Orixe galegas: Monterrei, Valdeorras, Rías Baixas, O Ribeiro e Ribeira Sacra, supón -mantivo Manuel Pardo- “contribuír ao importante papel da viticultura nos territorios rurais nos que se produce: “O enoturismo como un turismo dun alto valor engadido e unha potente ferramenta para o desenvolvemento dun tecido socioeconómico moderno, sustentable e con futuro, nunha contorna como é Monterrei”, subliñou o delegado territorial.
Diante do presidente da DO Monterrei, Manuel Vázquez, participante no acto, o delegado territorial lembrou iniciativas como a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, impulsada pola Xunta da man do sector. Esta folla de ruta persegue potenciar os ámbitos produtivo, industrial e distribuidor do sector e outros eidos vinculados a el, como son o turismo, o patrimonio ou a paisaxe.
Primavera de portas abertas
As xornadas de portas abertas das Rutas dos Viños que teñen lugar no marco do produto Primavera de Portas Abertas nas Rutas do Viño da comunidade de Turismo de Galicia, desenvolveranse dedicando unha fin de semana a cada unha das rutas, sendo a primeira a Ruta do Viño de Monterrei (08 ao 10 de maio), posteriormente a de Valdeorras (15 ao 17 de maio), a das Rías Baixas (22 ao 24 de maio), a da Ribeira Sacra (29 ao 31 de maio) e finalmente a Ribeiro (do 05 ao 07 de xuño).

















