Preséntase o deseño gráfico e as liñas mestras que guiarán a MIT 2023

Unha edición especial, na que se celebrarán os 50 anos da 1ª Mostra Abrente, que terá lugar entre o 15 e o 23 de xullo

Con motivo do Día Mundial do Teatro, a MIT lanza a súa imaxe e a súa mensaxe: memoria, cohesión e innovación.

AVANTAR ACTIVIDADES

A memoria será o motivo central que guiará esta 39ª edición da MIT. A profesionalización do teatro galego, os debates, os encontros, as posicións diverxentes, a emerxencia da internacionalización, as novas compañías, etc., son asuntos relacionados co teatro e coa cultura que tiveron lugar en Ribadavia, no gran foro do teatro galego, ao longo destes últimos 50 anos. Pero tamén todo o espello do teatro, a memoria social, os cambios, os dereitos, retos, as identidades, os espazos e os feitos. A MIT enfiará un relato que nos permitirá recordar, coñecernos máis, repousar, apostar polo novo dende o (re)coñecemento do pasado. Apostar tamén polo teatro como factor de cohesión social, de orgullo local na dimensión internacional estratéxica que o festival foi traballando paso a paso, como motor cultural ecolóxico que interpela ós públicos externos e locais en igualdade.

Nese sentido, o deseño gráfico e o cartel desta edición, obra de A&B Comunicación e Deseño, parte dunha fotografía antiga da Praza Maior de Ribadavia, depositada no Museo Etnolóxico, á que se lle foron sobrepoñendo imaxes, miniaturas, cores e texturas da evolución da MIT, dos espectáculos na rúa e nos seus escenarios, algunhas creadoras e creadores que nos fixeron emocionarnos, rir, pensar, soñar e loitar sempre por un teatro sen ataduras. O cartel é coma o teatro mesmo, un xogo para descubrir sorpresas ocultas, unha mestura coherente, un recoñecemento á diversidade, á tolerancia e á convivencia.

Máis información en:

mitribadavia.gal

Facebook // Instragram // Twitter

@mitribadavia