Luis Menor avoga por coordinar esforzos entre as deputacións de Ourense e Zamora que “inclinen a balanza dos peregrinos polo Camiño Mozárabe”

O presidente da Deputación, Luis Menor, avogou hoxe por coordinar esforzos e iniciativas entre as deputacións de Ourense e Zamora que “inclinen a balanza dos peregrinos polo Camiño Mozárabe”, contribuíndo a poñer en valor “unha ruta xacobea que nos une”.

Luis Menor lanzou esta proposta en Benavente durante a súa intervención na apertura dun ciclo de conferencias organizado pola UNED de Zamora e Ourense para promocionar este camiño de peregrinación e que tivo como primeiro relator ao catedrático e historiador ourensán Jesús de Juana. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Desde as deputacións “valorizamos os nosos territorios, de tal xeito que vertebrar esa posta en valor, ampliando o radio de cooperación, aporta un efecto multiplicador a todos os esforzos e políticas que poñamos en marcha”, engadiu o presidente provincial.

Para Luis Menor, o feito de compartir entre Zamora e Ourense ese “factor diferencial” que supón o AVE e unha ruta de peregrinación como o Camiño Meridional –Camiño Mozárabe ou Vía da Prata- pon encima da mesa novas oportunidades de cooperación na promoción deste camiño, “oportunidades que creo deberíamos explorar”.

Menor aproveitou a ocasión para demostrar o compromiso da Deputación de Ourense co Camiño Mozárabe, explicando a campaña de promoción desenvolvida esta Semana Santa ou as accións que se deseñarán en combinación coa alta velocidade desde a estación da Gudiña, impulsando xa nesta primavera contactos con diferentes asociacións e cos alcaldes dos municipios polos que discorre a Vía da Prata.

Seis conferencias entre Zamora e Ourense

A UNED de Ourense e Zamora organizan o ciclo de seis conferencias iniciado esta tarde na Casa da Cultura de Benavente, en cuxa apertura tamén interviñeron o presidente da Deputación de Zamora, Javier Faúndez; a alcaldesa da localidade, Beatriz Asensio; e o director do centro universitario en Ourense, Jesús Manuel García, en nome tamén do responsable do centro zamorano.

Logo da conferencia de Jesús de Juana titulada La creación de Santiago como punto de peregrinación de la cristiandad occidental, o ciclo terá a súa continuación en Rionegro del Puente, Pobra de Sanabria, Verín, Allariz e Ourense, onde rematará unha iniciativa na que están inscritas 215 persoas procedentes de cinco países: Rusia, Estados Unidos, Francia e Países Baixos, ademais de España con representantes de trece comunidades autónomas.