O Segundo Salón do Vehículo Clásico de Expourense satisfai aos afeccionados por calidade, cantidade, variedade e singularidade

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Excelente acollida por parte do público que está a gozar cos coches, produtos e servizos que ofrecen a trintena de empresas especializadas, clubs galegos e nacionais e máis de 140 vehículos clásicos, de época e de competición

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Más de 180 propietarios de coches e motos clásicas de toda Galicia, Asturias, Zamora e León participan no Aparcadoiro de Clásicos

Os coches de competición como o Alpinche de Reverter, o Porsche Aurora de Casla, o Toyota Celica de Dezcallar Campión de Rallye de Coches Históricos de España de Marvic Sports, un Ferrari Dino, a exposición de vehículos históricos da Policía Nacional ou os coches de Juan Lumbreras chaman a atención do público

Excelente acollida do segundo Salón do Vehículo Clásico que organiza Expourense esta fin de semana. Os afeccionados ao coche clásico, de época e competición, responderon á chamada do salón e xa pola acollida desta primeira xornada de feira prevese superar amplamente a cifra de visitas da edición anterior (3.000 celebrada en xuño de 2023). O Segundo Salón do Vehículo Clásico abriu as súas portas esta mañá en Expourense recibindo unha magnífica afluencia de afeccionados que mostraron a súa satisfacción ao visitar o recinto e comprobar a cantidade, calidade e singularidade dos vehículos expostos, así como a variedade na área de venda na que participan unha trintena de expositores que ofrecen recambios, compoñentes, accesorios, ferramentas, miniaturas, placas, produtos de limpeza e pulido, pintura, cadros, revistas etc. O salón continúa mañá domingo en horario de 10.30 a 21.00 h.

Destaca ademais a presenza como expositores de tres dos máis importantes carroceros de Galicia especializados en coches clásicos e de rallyes. De feito, a eles pertencen algúns dos vehículos que máis interese espertaron entre as visitas. O primeiro deles é, como era de esperar, o Alpinche de Reverter, reconstruído pola empresa

ourensá Marvic Sport que participa como expositor xunto a Garaxe Galicia-Casla, tamén de Ourense. Entre os numerosos coches que trouxeron como exposición destaca tamén o Toyota Celica GT-A con o que Toni Dezcallar e JA Sans proclamáronse Campións de España do Rallye de Vehículos Históricos e que foi preparado por Marvic Sports, empresa que tamén recuperou o mítico Alpinche de Reverter que, por suposto, tampouco faltou este ano á súa cita con este salón e volve ser unha das pezas que máis chaman a atención das visitas. Dentro dos coches de competición destaca tamén o Porsche Aurora de Nacho Casla que ademais fixo ruxir o seu motor para goce dos afeccionados ás carreiras. O salón ofrece tamén unha réplica do coche de rallyes de Carlos Sainz (e #Luis Moya) asinada polo piloto.

Ademais dos coches de competición, o salón ofrece vehículos clásicos e de época entre os que destaca o Ferrari Dino de Proxecta Galicia – Correduría de Seguros ou os impresionantes coches de Juan Lumbreras que, ademais, están á venda. A exposición compleméntase con camións de bombeiros antigos, camións de Barreiros ou o autobús de Autorcares Cuíña (agora Rías Baixas). Unha das novidades do salón é a exposición de vehículos antigos cedida pola Policía Nacional no que se pode atopar desde o mítico Seat 131, o posterior Citroën BX ata a Comb Mercedes n-1300 antidisturbios.

A maiores das empresas expositoras, este salón conta coa participación dunha vintena de clubs de afeccionados aos clásicos procedentes tanto da provincia de Ourense como a Escuadra de Ourense de Clásicos, o Club Nipón Ourense, Clásicos do Arenteiro, Clásicos do Condado Paradanta ou os Clubs de Vespa de Ourense e Verín, ata clubs nacionais como Lancia España, Seat 124 España ou Mercedes w123 España e tamén Club de Clásicos de Melgaço (Portugal).

Outro dos atractivos desta segunda edición do salón é o Aparcadoiro de Clásicos no que aparcan o seu coche os visitantes que se despracen ata o recinto no seu clásico (ata 1994, con 30 anos de antigüidade como mínimo). Este aparcadoiro de coches e motos clásicas recibiu máis de 180 inscricións. Cada coche ou moto clásica que aparca nesa zona recibe dúas invitacións para que poidan visitar o salón sen custo.

Programa de actividades

Unha das novidades desta segunda edición está a ser o completo programa de actividades. Outro dos obxectivos desta cita é animar aos propietarios de clásicos especiais a sacalos do garaxe e presumir deles #ante os visitantes do salón. Para iso convocouse o Primeiro Concurso Elegancia que conta con 12 coches finalistas (matriculados entre 1917 e 1994) e que están expostos no salón. Maña coñecerase ao gañador do Concurso Elegancia nas categorías de voto do público a través de Instagram e a do Xurado profesional.

En colaboración coa Concellería de Xuventude e a empresa ourensá “Xog-on” organiza o 1º Campionato de Simracing de clásicos que superou os 200 participantes. Mañá pola tarde celebrarase a final entre os que obtiveron mellor clasificación. Tamén se está celebrando a Primeira Competición de Rallye Clásicos de Slot “Cidade de Ourense” na que tamén colabora Xuventude Ourense. Esta tarde celebrouse tamén a 1ª Competición para “Lentos en moto” que organiza Expourense en colaboración co Club Agudos de Vespa e Lambreta Clásica de Ourense.

O salón conta ademais co apoio do coñecido youtuber Santi Martínez de cónta “Documentos do Motor” con miles de seguidores afeccionados aos clásicos que realizou dúas presentacións, unha sobre como chegar a converterse en “influencer” neste ámbito e outra que celebrará o 50º aniversario do Citroën CX.

Pola súa banda, a Fundación Estanislao Reverter realizou unha presentación para darse a coñecer entre os afeccionados aos clásicos e organizou un emotivo acto no que o ex piloto do Alpinche Beny Fernández, propietario na actualidade dunha galería de arte, fixo entrega á Fundación dun óleo do Alpinche pintado por Diego Lago. A xornada de hoxe conclúe cunha cata de viño tostado organizada pola EVEGA.

Organizado por Expourense, esta segunda edición do Salón do Vehículo Clásico conta co apoio principal da Deputación Provincial de Ourense, cuxo presidente #Luis Menor, visitou esta tarde o recinto, á que se sumaron outras entidades que levan meses colaborando estreitamente coa organización para ofrecer aos visitantes un salón sorprendente.

Estas entidades son: Escuadra Clásicos de Ourense, a Fundación Estanislao Reverter; a Concellería de Xuventude do Concello de Ourense; Xog-on; Proxecta Galicia – Correduría de Seguros; Marvic Sport; Casla Sport; Club Nipón Ourense; Club Agudos de Ourense; Documentos do Motor Youtube; Motomanía Vigo e Autocares Rías Baixas.

O horario de feira será mañá de 10.30 a 21.00 h anticipando media hora a apertura ao horario previsto por petición dos participantes no aparcadoiro de Clásicos. A entrada para o público ten un custo de 5 euros, sendo gratuíta para os menores de 12 anos. O salón conta cunha web propia do evento www.salonvehiculoclasico.com e un perfil de Instagram @salonvehiculoclasico.