Ribadavia mellora o edificio que alberga o museo sefardí e a oficina de turismo

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

 A obra, que conta co financiamento da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, consiste na renovación integral da cuberta e a limpeza da fachada do edificio situado na Praza Maior de Ribadavia.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ribadavia, 11 de abril de 2024.- O concello de Ribadavia mellora o edificio que alberga o museo sefardí e a oficina de turismo de Ribadavia. A obra, que conta co financiamento da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, consiste na renovación integral da cuberta e a limpeza da fachada do edificio situado na Praza Maior de Ribadavia.

En xeral, a envolvente exterior do edificio que alberga o Museo Sefardí e a oficina de turismo de Ribadavia atopábase en moi mal estado de conservación. A propia fachada do edificio estaba moi sucia por efecto da humidade, e a cuberta atopábase moi danada, o que provocaba filtracións importantes de auga cara ao interior do edificio. Esta situación, derivada de anos de abandono desta instalación municipal, provocou que nos últimos meses o museo sefardí permanecese pechado ao público dadas as permanentes filtracións de auga consecuencia da abundante choiva deste inverno.

A obra que está executándose consiste nunha renovación integral da cuberta do edificio, así como a limpeza da fachada do mesmo. Con esta actuación preténdese solventar o problema de filtracións de auga existente deixando o museo sefardí en perfectas condicións para a súa reapertura ao público. Esta obra, financiada pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,  conta con un orzamento total de 48.219,31 €.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández sinalou que, “con esta actuación estamos a mellorar unha infraestrutura cultural moi importante para o concello como é o Museo Sefardí, onde se conserva a pegada e o legado da cultura sefardí en Ribadavia e en Galicia.” César Fernández afirmou que “Este goberno está facendo unha aposta decidida polo impulso ao turismo en Ribadavia, e dentro dese impulso enmárcanse as obras de mellora en infraestruturas turístico-culturais como é o caso do Museo Sefardí. Ademais, no mes de maio presentaremos públicamente a estratexia de desenvolvemento turístico de Ribadavia, que será a folla de ruta que guiará as actuacións a levar a cabo neste sector nos vindeiros anos.”