Vía Galega conmemora o 178 aniversario da Revolución Galega de 1846 cunha unha ofrenda floral aos “Mártires de Carral”, diante do monumento aos “Mártires da liberdade” en Carral e un roteiro até cemiterio de Paleo, onde repousan os seus corpos
A homenaxe terá lugar o día 27 de abril, ás 11:30, coa lectura por parte de Henrique del Rio, autor do manifesto, O valor de gañarmos o futuro, elaborado para esta efeméride. A continuación guiará o roteiro que sairá do monumento aos ” Mártires da Liberdade”, erixido pola Liga Galega da Coruña en 1904, para continuar até a Capela do Socorro que serviu de cárcere improvisada para Miguel Solís e os seus homes. De seguido achegarémonos o lugar onde foron “xulgados”, para despois irmos até a Fraga do Rei, onde foron fusilados, para rematar no cemiterio da igrexa de Paleo, onde están soterrados.
Mediante este acto, VIA GALEGA, quere lembrar o 178 aniversario da Revolución Galega de 1846. Unha revolta contra o goberno conservador de Narváez e un modelo de estado centralista e na defensa dun trato xunto para Galiza. O pronunciamento militar e civil prendeu a partir do 2 de abril de 1846 en diferentes cidades galegas. O 15 de abril constitúese a Xunta Superior do Goberno de Galiza, convertida en goberno do país durante uns días, que pretendía recobrar a unidade territorial de Galiza e aspiraba a que que Galiza, ” convertida nunha verdadeira colonia da corte”, tivese un papel diferente no estado, ao tempo que se procuraba un modelo social e político mais xusto coas clases populares. Aínda que se impuxo a represión e os combatentes revolucionarios foron derrotados, esta revolución -que rematou co fusilamento o 26 de abril en Carral de 11 oficiais e o exilio de, entre outros, de Antolín Faraldo -quedou gravada na memoria colectiva e as súas denuncias e propostas, foron percusoras do nacionalismo .
Vía Galega no seu afán de recobrar a nosa historia, fai un chamamento a participar na homenaxe aos Mártires de Carral, pois tal como reza o manifesto deste ano, “Non quixemos ser colonia da Corte daquelas e non queremos ser colonia hoxe, non nos resignamos a ser enclave onde plantar, como estandarte de conquista, macroeólicos e macrocelulosas”.
Achegamos o manifesto, percorrido do roteiro e o enlace para poder visualizar o vídeo “A revolución de 1846 e os Mártires da Liberdade” https://youtu.be/hAUVPAqB4BUe