O Psdeg-Psoe de Lobios denuncia o “lamentable” estado dun pontillón na ou-312, que tras unha chapuza “low cost” executada pola Xunta, volveu a afundir, supondo un “grave” risco para a seguridade viaria
Os e as socialistas denuncian que as “chapuzas” da Xunta non solucionaron nada, nunha estrada de gran tránsito, ao ser o punto principal de acceso a vila termal de Río Caldo e que ademais conecta Lobios coa Portela do Homem
O concelleiro do PSdeG en Lobios, Pablo Gándara, denuncia que esta situación “supón un grave risco para a seguridade viaria”, xa que tal e como apunta “o afundimento provoca que os vehículos se vaian fora do carril, cando entran na curva”
Dende o PSOE esíxenlle á alcaldesa, Mari Carmen Yáñez, que “poña fin a súa política de pasividade e chapuzas e que comece a mirar dunha vez por todas pola súa veciñanza e polo potencial do municipio”
Lobios, 3 de maio de 2024. O PSdeG-PSOE de Lobios denuncia o “lamentable” estado no que se atopa un pontillón situado na OU-312, no punto quilométrico 4, antes da localidade de Vilameá, na parroquia de Riocaldo. Os e as socialistas critican as “chapuzas low cost” executadas pola Xunta de Galicia, titular da estrada, e que non solucionaron a grave problemática de afundimento que presenta esta zona, supondo un “grave risco” para a seguridade viaria das persoas que transitan pola mesma.
Dende o grupo municipal socialista explican que o afundimento “progresivo” da estrada neste pontillón “leva meses sucedendo” e denuncian que o único “remendo” levado a cabo pola titular da estrada “foi botar unha capa de formigón e instalar unha sinal de precaución”. Tal e como explican os concelleiros socialistas “está chapuza low cost, non solucionou o problema, pois a estrada xa afundiu novamente e a problemática trasladouse tamén ao outro carril”. O paso de augas fluviais por debaixo da Pontillón parece ser un dos causantes desta situación.
O concelleiro do PSdeG-PSOE en Lobios, Pablo Gándara Rodríguez, denuncia que esta situación “supón un grave risco para a seguridade viaria”, posto que se trata dun tramo de estrada na que se permite circular a un máximo de 90 quilómetros hora e que tal e como apunta “o afundimento provoca que os vehículos se vaian fora do carril, cando entran na curva”. Tal e como sinala o edil socialista “estamos falando dunha estrada con gran afluencia de tráfico, pois é o único acceso a vila termal de Río Caldo, ao centro do parque natural da Baixa Limia Serra do Xures e a fronteira con Portugal, pois une Lobios coa Portela do Homem”.
Gándara lamenta a “inacción” do goberno municipal do Partido Popular de Lobios, aos que acusa de “mirar para outro lado” e de “non esixir unha reforma da estrada que evite estes riscos para as persoas que transitan a diario pola mesma”. O concelleiro do PSdeG-PSOE de Lobios alerta de que a situación “é moi preocupante”, xa que tal e como argumenta “temos os antecedentes da ponte de Xunqueira de Espadanedo, que acabou afundindo ante a inacción, algo que tamén pode acontecer nesta estrada”.
Dende o PSdeG-PSOE de Lobios esíxenlle á alcaldesa, María del Carmen Yáñez, que “poña fin a súa política de pasividade e chapuzas e que comece a mirar dunha vez por todas pola súa veciñanza e polo potencial do municipio, esixindo á Xunta que solucione esta problemática”. Os e as socialistas solicitan que se materialicen obras “urxentes”, xa que tal e como afirman “corremos un grave risco para a seguridade viaria, nunha estrada transfronteiriza de gran tránsito”.