A Xunta abre o prazo para a reserva de praza en centros educativos adscritos no curso 2021/2022

Vai dirixido ao alumnado que remata etapa nun centro escolar e ten que pedila para a seguinte etapa no centro que lle corresponde por adscrición

Publicidade

Poderá realizarse entre o 11 de xaneiro e o 8 de febreiro

O prazo de solicitude para os alumnos que entren por primeira vez no sistema, así como para os que queiran cambiar de centro, irá do 1 ao 20 de marzo

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade abre hoxe o prazo de reserva de praza para o alumnado que remata etapa nun centro escolar e ten que pedila nun centro adscrito (o que lle corresponde ao cambiar de etapa). A solicitude poderá realizarse desde hoxe ata o 8 de febreiro, ambos inclusive. O procedemento réxese pola Orde publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 22 de decembro.

No que atinxe aos nenos que entran por primeira vez no sistema (maioritariamente de 4º curso de Educación Infantil), así como para aqueles alumnos de Educación Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato que queiran cambiar de centro escolar sempre que haxa prazas dispoñibles, os prazos xerais de solicitude de admisión mantéñense, como en anos anteriores, do 1 ao 20 de marzo, ambos inclusive.

Os trámites poderán facerse de xeito telemático a través da aplicación admisionalumnado que posibilita que os proxenitores cubran a solicitude na aplicación, marquen os criterios do baremo que, chegado o caso, queiran que se lles valoren, e poidan presentala de forma presencial no centro, ou por vía electrónica a través da propia aplicación.

Adiantar o procedemento permite ás familias dispor de máis tempo para formalizar as reservas de praza, e aos centros educativos ter máis marxe para completar os trámites administrativos.