O Psdeg-Psoe solicita un informe xurídico urxente sobre os efectos na deputación de Ourense da sentenza que impide a tránsfugas ocupar novos cargos

Os socialistas queren coñecer como afecta o fallo á situación do actual vicepresidente segundo, José Miguel Caride, nomeado por Baltar o 28 de setembro e declarado formalmente tránsfuga

Publicidade

Baltar debe clarexar se vai incumprir deliberadamente a doutrina do alto tribunal, ao manter na vicepresidencia a un tránsfuga non adscrito xa que o pleno deste venres outorgará esa condición a Caride

 O PSdeG-PSOE de Ourense vén de solicitar un informe urxente á secretaría xeral da Deputación, sobre os efectos da sentenza do Tribunal Supremo que fixa como doutrina que os tránsfugas coa condición non adscritos, non poden asumir cargos ou percibir retribucións que impliquen melloras persoais, políticas ou económicas. Os socialistas queren coñecer como afecta o fallo á situación do vicepresidente segundo, José Miguel Caride, nomeado o 28 de setembro e declarado tránsfuga por Democracia Ourensana (DO), a formación política pola que foi elixido e na que se integrou.

Oficialmente, Caride deixará de formar parte de DO e obterá a condición de non adscrito no pleno ordinario deste venres. O secretario xa emitiu un informe no que, entre outros asuntos, propón “tomar coñecemento do pase á condición de membro non adscrito do deputado provincial José Miguel Caride Domínguez” e a “modificación da composición do grupo provincial de Democracia Ourensana, que pasa a estar integrado polo deputado provincial Armando Ojea Bouzo”. Os socialistas resaltan que a interpretación do Supremo do artigo 73.3.3º da Lei reguladora das bases do Réxime Local “evidencia unha vez máis o caciquismo imperante na institución provincial” polo que piden “clarexar xa esta anomalía”.

“O ascenso meteórico de Caride foi unha compensación de Baltar”

Desde o PSdeG-PSOE solicitan ao secretario o detalle dos efectos do fallo e reclamarán a Manuel Baltar que clarexe se vai incumprir deliberadamente a doutrina establecida polo alto tribunal, ao manter na vicepresidencia a un tránsfuga non adscrito. “O ascenso meteórico de Caride á vicepresidencia foi unha compensación de Baltar por romper a disciplina do seu partido no Concello de Ourense e na Deputación provincial”, sinalan os socialistas antes de recordar que o Supremo xustifica a súa sentenza, precisamente, con esas palabras a fin evitar este tipo de “prebendas”.