O Consello Comarcal de Ourense-O Carballiño do BNG fai un chamamento á participación na manifestación nacional que se celebrará en Compostela, o vindeiro domingo 25 xullo.

Desde o Consello Comarcal do B.N.G. de Ourense-O Carballiño faise un chamamento a toda a cidadanía da nosa comarca para que participe activamente na manifestación nacional que se celebrará en Compostela, o vindeiro domingo, 25 de xullo, con saída ás 12:00 horas da mañá da Alameda de Compostela e con remate na Praza da Quintana e na Praza das Praterías coa celebración dun acto político.

Publicidade

Cómpre lembrar que vai ser unha movilización segura,  tanto no seu percorrido como no acto político final. Malia realizarse en espazos exteriores, será obrigatorio o uso da máscara, e a organización terá previstas distancias mínimas de seguranza entre as participantes; tal e como aconsellan as circunstancias e as garantías sanitarias neste contexto  actual marcado pola pandemia da COVID-19.

E dada a proximidade do 25 de xullo, queremos desde este consello comarcal do BNG  facer un chamamento para que se exhiba a nosa bandeira, colocada nunha xanela, varanda ou espazo exterior visíbel das nosas vivendas, vehículos, etc, como símbolo da vontade de sermos un pobo libre.

Finalmente e para rematar o presente comunicado, animar a nosa cidadanía para que acuda a Compostela e participe na manifestación do Día da Patria Galega. O 25 de xullo é o día da nosa nación. O día en que reivindicamos soberanía política e liberdade para Galiza, para que co compromiso de todas esta movilización se converta nun símbolo da vitalidade da nosa nación e da reivindicación soberanista.