“Nalgunhas especialidades o cadro profesional traballa ao 200%, unha situación que non se pode manter máis no tempo”, sostén a deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta
O Grupo Socialista instará á Xunta a que de forma inmediata consensúe coa plataforma FIOU (Facultativos Independientes de Ourense), o colexio de médicos e as organizacións sindicais unha resposta ao colapso existente na área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras. A parlamentaria ourensá Carmen Rodríguez Dacosta levará unha pregunta neste sentido á Comisión de Sanidade do próximo xoves coincidindo coa renovación da xerencia da área.
“Hai servizos que están máis que en precario. Na UCI, Urxencias, Rehabilitación e Oftalmoloxía os profesionais levan reivindicando melloras nas contratacións e reposicións das xubilacións dende principios do ano 2023”, afirma a deputada Carmen Rodríguez Dacosta.
Ademais, tal e como recolle a iniciativa rexistrada, a falta de planificación das necesidades de persoal é especialmente preocupante por tratarse dun área tan envellecida como é a de Ourense. “A xerencia fai ouvidos xordos a estas reivindicacións e semella que queiran converter a área sanitaria nun hospital comarcal. Non o podemos permitir. Por iso preguntaremos que medidas teñen pensado poñer en marcha para solventar a gravísima situación actual”, engadiu.
Dende o PSdeG sinalan que, malia que algunhas especialidades están máis tensionadas, a precariedade do persoal sanitario está presente en todas as categorías e que aínda non se puido recuperar do gran esforzo feito durante a pandemia. “Solicitan realizar o seu traballo en condicións dignas porque iso repercute, como é lóxico, directamente en beneficio da atención aos e ás doentes. Nalgúns servizos o cadro profesional traballa ao 200%, unha situación que non se pode manter máis no tempo”, aclara a deputada.
Que o Sergas arranxe as deficiencias materiais das novas instalacións da UCI, imparta formación especializada e aumente o cadro de persoal existente coa quinta enfermeira son outros dos reclamos que o Grupo Socialista levará ao Parlamento de Galicia para que o Goberno autonómico, a través do Sergas, arranxe as deficiencias materiais das novas instalacións que ocasiona a falta de visión dos doentes desde o control de enfermaría e engadan outro profesional.
Nesta unidade, explica Dacosta, estanse a realizar contratos de dous en dous meses, o que imposibilita afianzar profesionais nun servizo tan complexo e pon en risco a calidade da atención, segundo trasladaron en múltiples ocasións.
Nesta liña, o Grupo Socialista rexistrou unha batería de preguntas para saber como se pensan abordar os problemas dende a Consellería de Sanidade e se valora a xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras que se fagan propostas atractivas para que máis profesionais collan contratos nesta área.