Carmen Rodríguez Dacosta, Elena Espinosa Mangana e Silvia Longueira
Castro, deputadas pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de
Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 152 do Regulamento da Cámara,
presentan ante esa mesa a seguinte pregunta para a súa resposta oral na
Comisión 5ª.
A coordinadora FIOU (Facultativos Independentes de Ourense) que aglutina
máis de 400 facultativos e farmacéuticos da área sanitaria de Ourense, Verín e
Valdeorras co apoio das organizacións sindicais e do colexio de médicos de
Ourense iniciaron un calendario de mobilizacións en febreiro deste ano que se
manteñen un día á semana na porta principal do novo bloque do CHOU.
Esixen unha sanidade digna e denuncian que arrastran moitos anos de mala
xestión por parte da xerencia, déficit de contratacións, con moitas xubilacións e
unha falta de planificación das necesidades de persoal sobre todo nunha área
tan envellecida como é a de Ourense.
Así mesmo, denuncian a precariedade do persoal sanitario de todas as
categorías que aínda non se puido recuperar do gran esforzo da pandemia.
Solicitan realizar o seu traballo en condicións dignas porque iso repercute
directamente en beneficio na atención dos doentes.
A problemática máis grave encontrámola nos servizos de Urxencias,
Oftalmoloxía, Rehabilitación, UCI e Atención Primaria onde o cadro profesional
traballa ao 200 %, unha situación que non se pode manter no tempo.
Os profesionais coinciden en sinalar que están atravesando unha situación
crítica desde xaneiro do ano 2023, e que a Dirección do Sergas é coñecedora
desta situación.
Ademais, o persoal de enfermaría e auxiliares da unidade de coidados
intensivos do hospital de Ourense veñen reclamando que o Sergas arranxe as
deficiencias materiais das novas instalacións que ocasiona a falta de visión dos
doentes desde o control de enfermería e reclaman a quinta enfermeira, pero o
Sergas fai caso omiso destas xustas reivindicacións. Nesta unidade estanse a
realizar contratos de dous en dous meses, o que imposibilita afianzar
profesionais nun servizo tan complexo e poñendo en risco a calidade da
atención.
Tamén o servizo de rehabilitación está desbordado onde a media de espera de
máis de 6.600 persoas era de 284 días, significativamente superior ao resto de
hospitais e áreas sanitarias de Galicia. A Consellería de Sanidade tampouco
dá resposta a esta problemática.
A coordinadora Facultativos Independentes de Ourense denuncia así mesmo
unha falta de empatía a nivel humano por parte da xerencia na área e de
Primaria, ademais dunha falta de busca organizada de máis persoal.
Ante esta situación crítica o Grupo Parlamentario Socialista considera urxente
abordar a situación da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras que se
encontra con catro servizos ao bordo do colapso.