A localidade de Dacón, no municipio de Maside, celebra neste mes de Maio a súas tradicionais festas na honra da súa patrona, Santa Rita, cun amplo programa que combina o apartado relixioso con actividades deportivas, gastronómicos e musicais. Entre os eventos que teñen lugar nesta celebración, destaca a 7ª edición da Xuntanza de Coches Clásicos, que tivo lugar o pasado venres e que congregou a un importante número de vehículos participantes a pesares da choiva. Un total de 50 automóbiles inscritos, que fixeron un percorrido por Pazos de Arenteiro, Leiro e Ribadavia, onde visitaron a adega Viña Costeira, para logo desprazarse ata o balneario de Laiais e rematar cun xantar no Pazo deToubes, en Cenlle.
Rody González, organizador desta xuntanza, fálounos da programación:
Ademais, o pasado sábado tivo lugar a sexta edición da Ruta Cabalar Vila de Dacón, na que os organizadores planificaron un itinerario por sendeiros da contorna da paraxe do Puzo do Lago para sumar un percorrido de 20 quilómetros.
Leticia Otero, da organización, explicou as características desta andaina equina.
Un total de 50 xinetes da comarca do Carballiño e doutras localidades coma a pontevedresa de Rodeiro desafiaron á meteoroloxía e participaron no percorrido proposto, que rematou cunha cea popular e a actuación do Dúo Explosión.
A programación da Santa Rita segue o seu curso no eido litúrxico coa celebración da novena, con misas diarias ás 8:30, 19:30 e 20:30 horas na igrexa parroquial, que rematarán cunha misa solemne e procesión o propio día da festividade, o vindeiro mércores día 22.
