O irmanamento entre O Carballiño e a localidade italiana de Noventa Padovana co pulpo como eixo de unión será perfilado por unha comisión integrada polo alcalde e representantes dos grupos políticos da Corporación municipal e tamén de asociacións vencelladas co comercio do cefalópodo e o patrimonio cultural. Así o confirmou hoxe o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, que adiantou a presenza dunha delegación de Italia na Festa do Pulpo e nas xornadas previas a cita gastronómica, que dende hai dous anos ten como atractivo a súa declaración como festa de Interese Turístico Internacional.
A orixe deste irmanamento con esta vila de 10.000 habitantes da comarca de Padua e situada a 35 quilómetros de Venecia, é que alí celebran cada ano, na segunda semana do mes de outubro a “Fiera del Folpo”, un evento con gran afluencia de visitantes e que combina atraccións, concertos e unha variada oferta gastronómica co pulpo como prato de referencia. Foron os propios italianos, co concelleiro de Comercio e Feiras da localidade, Davide Lafelice como interlocutor, os que se puxeron en contacto con Manuel Dacal ao traverso dunha xuntanza telemática, na que se chegou ao acordó de iniciar os trámites para un convenio de irmanamento.