Yago Martínez, vencedor da selección “máis talento motor” da deputación de Pontevedra

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Yago Martínez Diz, de Salvaterra de Miño e 21 anos de idade, foi o piloto seleccionado para competir na Sandero ECO Cup Galicia grazas ao programa “Máis Talento Motor” posto en marcha pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Federación Galega de Automobilismo.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Este evento, celebrado no circuito da Madalena en Forcarei e que contou coa presenza de Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación e deputada de Deportes, mostra o firme apoio do ente provincial ao mundo do automobilismo deportivo galego, algo polo que a FGA se mostra agradecida. “O automobilismo é unha das disciplinas deportivas con máis tirón na provincia, así que síntome moi satisfeita de que a Deputación dese, por vez primeira e con “+Talento Motor”, resposta a unha demanda popular que resultou, ademais, ser un éxito rotundo”, asegurou Luisa Sánchez.

Yago Martínez, vencedor desta primeira edición, enfrentouse a outros 34 participantes chegados de todos os recunchos da provincia de Pontevedra, nunha xornada formativa e competitiva que tivo o seu punto álxido coa celebración das finais, nas que os cinco mellores loitaron contra o crono para facerse con este volante para a tempada 2024.

Nesa manga final Yago Martínez foi o máis rápido por diante de Iago García, Eliot Gómez, Adrián Leyenda e Danessi Fernández que serán, a súa vez, os pilotos suplentes nesa orde.

A selección “Máis Talento Motor” comezará o próximo fin de semana coa participación na primeira proba puntuable para a Sandero ECO Cup Galicia, que terá lugar con motivo do Rallye de Pontevedra, quinta proba puntuable para o Campionato Xunta de Galicia de Rallyes.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------