O equipo de goberno da Deputación de Ourense quixo que o primeiro colectivo que tivese acceso ao termalismo inclusivo fosen as persoas con enfermidades mentais graves e prolongadas
A institución provincial, a través dun convenio coa Asociación Pintega, abriu o termalismo social á realidade das enfermidades mentais graves
A primeira experiencia desenvolveuse no Balneario de Cortegada e tivo unha duración de tres meses
A valoración do colectivo de persoas con enfermidades mentais foi moi positiva e xa se expón unha nova edición do programa máis ambicioso.
A Deputación de Ourense desenvolve, desde o ano 2013, o seu Programa de Termalismo Social con diferentes modalidades, ás cales este 2024 engadiuse a do “termalismo inclusivo”. Esta nova modalidade está orientada principal, aínda que non exclusivamente, a “persoas con diversidade funcional” e ás persoas do sector da “economía dos coidados”.
De feito, ante a resposta obtida o pasado ano 2023 tras a posta en marcha do “Termalismo contra a soidade non desexada” como fórmula na que os balnearios se utilizan como un recurso sociosanitario contra a situación na que viven un importante número de persoas maiores na nosa provincia, a institución provincial decidiu ampliar a experiencia a máis circunstancias vitais e colectivos sociais.
Así, a posta en marcha en 2024 do “Termalismo inclusivo” permite deseñar programas personalizados para colectivos sociais en función das circunstancias e problemáticas específicas. Ademais, esta nova modalidade vai estar aberta e dispoñible para todas as entidades sociais sen ánimo de lucro que se interesen por esta posibilidade durante este ano.
A primeira experiencia: termalismo inclusivo para persoas con enfermidades mentais graves e duradeiras
Unha das primeiras entidades que mostraron interese por participar no novo programa foi a Asociación Pintega para a promoción da saúde mental. Entre os obxectivos desta asociación está o de asesorar aos familiares de persoas con enfermidade mental dos recursos que existen para a súa mellora física ou mental.
A área de Benestar recibiu no primeiro trimestre do ano varias peticións de asociacións para deseñar programas personalizados. Ante este interese, o grupo de goberno da institución provincial decidiu que a primeira experiencia de termalismo inclusivo fose para persoas con enfermidades mentais.
Balneario de Cortegada: 3 meses con sesións quincenais para persoas con enfermidades mentais.
Ante o interese mostrado deseñouse na área de Benestar da Deputación un programa termal grupal personalizado ás necesidades e requisitos das persoas que representan a Asociación Pintega.
Esta entidade sen ánimo de lucro pediu un programa de 3 meses de duración a través do cal as persoas ás que representan puidesen ir cada dúas semanas a un centro termal para desenvolver unha terapia baseada no exercicio físico en piscinas termais nunha contorna non institucionalizada no medio da natureza.
A personalización plasmouse en facilitar aos usuarios da asociación de xornadas termais grupais cada quince días no Balneario de Cortegada a un custo de 2,5 euros por xornada, estando o resto do prezo financiado pola Deputación de Ourense, logrando así un programa para persoas con enfermidades mentais graves durante tres meses a un custo total de 14 euros por persoa.
Valoración altamente positiva da primeira experiencia de termalismo inclusivo
A Asociación Pintega, nunha primeira valoración que trasladou á Área de Benestar, manifestou unha alta satisfacción pola iniciativa, sinalando que o que máis valoraron foi, precisamente, que se tivese en conta ao colectivo de saúde mental, xa que a relaxación e fundamental neste tipo de pacientes. O feito de que o Balneario de Cortegada estea en plena natureza tamén contribuíu a achegar tranquilidade ás persoas que gozaron desta primeira experiencia, iniciativa que van pedir a súa continuidade para 2025.